Os contribuíntes que formen parte dunha unidade familiar que, na data de xeración do imposto, teña o título de familia numerosa expedido pola autoridade competente en materia de servizos sociais terán dereito a unha dedución de:
- 505 euros para familias numerosas de categoría xeral.
- 1.010 euros para familias numerosas de categoría especial.
REQUISITOS
1. As condicións necesarias para a consideración de familia numerosa e a súa clasificación por categorías determinaranse de acordo co establecido na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.
2. A dedución unicamente resultará aplicable nos supostos de convivencia do contribuínte co resto da unidade familiar.
3. Só terá dereito a esta dedución o contribuínte cuxa base impoñible non resulte superior a 25.009 euros en tributación individual nin a 35.240 euros en tributación conxunta.
Cando exista máis dun contribuínte con dereito á aplicación da dedución e estes realicen declaración individual do imposto, a dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.
As anteriores circunstancias entenderanse referidas á data de xeración do imposto.
FORMA DE CUBRIR
Indicarase a través dunha ventá de captura de datos a seguinte información:
- A dedución corresponderá a quen posúa o título de familia numerosa (normalmente os pais). En caso de matrimonio, cando a dedución corresponda a ambos os cónxuxes, marcarase cun X na columna "Común" a categoría de familia numerosa na que se encontre clasificado.
- En caso contrario, marcarase na columna "Do titular" e deberase indicar, ademais, o número de persoas que teñen dereito á dedución:"1" cando só poida aplicala o titular seleccionado; "2" cando poidan aplicala dúas persoas etc.