Poderán aplicar unha dedución de 303 euros os contribuíntes que teñan ao seu cargo descendentes, sempre que non conviva con calquera outra persoa allea aos citados descendentes, salvo que se trate de ascendentes que xeren o dereito á aplicación do mínimo por ascendentes.
Esta dedución é compatible coa dedución para familias numerosas.
Cando ao longo do exercicio se leve a cabo unha alteración da situación familiar por calquera causa, para os efectos de aplicación da dedución, entenderase que existiu convivencia cando tal situación se producise durante polo menos 183 días ao ano.
REQUISITOS
1) Consideraranse descendentes para os efectos desta dedución:
a) Os fillos menores de idade, tanto por relación de paternidade coma de adopción, sempre que convivan co contribuínte e non teñan rendas anuais, excluídas as exentas, superiores a 8.000 euros.
b) Os fillos maiores de idade discapacitados, tanto por relación de paternidade coma de adopción, sempre que convivan co contribuínte e non teñan rendas anuais, excluídas as exentas, superiores a 8.000 euros.
c) Os descendentes a que se refiren as alíneas a) e b) anteriores que, sen convivir co contribuínte, dependan economicamente del e estean internados en centros especializados.
Asimilaranse a descendentes aquelas persoas vinculadas ao contribuínte por razón de tutela e acollemento, nos termos previstos na lexislación civil aplicable.
NOTA: en caso de convivencia con descendentes que non xeren dereito á dedución, non se perderá o dereito a esta sempre e cando as rendas anuais do descendente, excluídas as exentas, non superen 8.000 euros.
2) A base impoñible xeral e do aforro máis o importe das anualidades por alimentos exentas non poderá superar 35.240 euros.
Forma de cubrir
Abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá marcar cunha X se ten dereito á dedución e o importe das anualidades por alimentos exentas percibidas polos fillos de acordo cunha decisión xudicial.