1. Se o contribuínte optase polo fraccionamento do pagamento resultante da
declaración e pola domiciliación do segundo prazo, a entidade colaboradora o día 5 de novembro de 2015 procederá, se é o caso, a cargar en conta o dito importe e a ingresalo nos prazos establecidos na conta restrinxida de colaboración na recadación dos tributos.
Posteriormente, a entidade colaboradora remitiralle ao contribuínte un xustificante do ingreso realizado, que servirá como documento acreditativo do ingreso efectuado no Tesouro Público.
Os contribuíntes que, ao fraccionar o pagamento, non desexen domiciliar o segundo prazo nunha entidade colaboradora deberán efectuar, directamente ou por vía telemática, o ingreso do dito prazo en calquera oficina situada no territorio español destas entidades (bancos, caixas de aforros ou cooperativas de crédito) ata o día 5 de novembro de 2015, inclusive, mediante a presentación do modelo 102 debidamente cuberto.
2. Sen prexuízo do anterior, os contribuíntes que efectúen a presentación telemática da declaración ou cuxa declaración se realice a través dos servizos de axuda prestados nas oficinas da AEAT, ou das comunidades autónomas, cidades con estatuto de autonomía e entidades locais, para a súa inmediata transmisión telemática, poderán utilizar como medio de pagamento a domiciliación bancaria na entidade de crédito colaboradora situada en territorio español na que se encontre aberta ao seu nome a conta na que se domicilia o pagamento.
No suposto de que o contribuínte opte polo fraccionamento do pagamento do ingreso resultante e pola domiciliación, tanto do primeiro coma do segundo prazo, esta última deberá efectuarse na mesma entidade e conta na que se domiciliou o primeiro prazo.
A domiciliación bancaria a que se refire este parágrafo poderá realizarse desde o día 7 de abril ata o 25 de xuño de 2015, ambos incluídos.
3. A AEAT comunicará a orde de domiciliación bancaria do contribuínte á entidade
colaboradora sinalada nesta, a cal procederá, se é o caso, o día 30 de xuño de 2015 a cargar na conta o importe domiciliado, xa sexa a totalidade da débeda tributaria ou o importe correspondente ao primeiro prazo, ingresándoo na conta restrinxida de colaboración na recadación dos tributos. Posteriormente, a citada entidade remitiralle ao contribuínte un xustificante do ingreso realizado que servirá como documento acreditativo do ingreso efectuado no Tesouro Público.
De forma análoga, no suposto de que o contribuínte procedese tamén á domiciliación do segundo prazo, a entidade colaboradora procederá, se é o caso, o día 5 de novembro de 2015 a cargar na conta o dito importe e a ingresalo nos prazos establecidos na conta restrinxida de colaboración na recadación dos tributos.
4. Os pagamentos entenderanse realizados na data de cargo en conta das
domiciliacións, considerándose xustificante do ingreso realizado o que para tal efecto expida a entidade de crédito onde se encontre domiciliado o pagamento nos termos sinalados.
5. As persoas ou entidades autorizadas a presentar por vía telemática declaracións en
representación de terceiras persoas, de acordo co disposto no RD 1065/2007, poderán dar traslado das ordes de domiciliación bancaria que previamente lles comunicasen os terceiros aos que representen.