OUTROS SUPOSTOS DE RETRIBUCIÓN EN ESPECIE (art. 43 da lei)
A) PRÉSTAMOS CON TIPOS DE XURO INFERIORES AO LEGAL DO DIÑEIRO
Considerarase renda en especie a diferenza entre o xuro pagado e o xuro legal do diñeiro vixente no período.
Non obstante, non terán a consideración de retribución en especie os préstamos con tipo de xuro inferior ao legal do diñeiro concertados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1992 e cuxo principal fose posto á disposición do prestameiro tamén con anterioridade á dita data (DA segunda da lei).
B) PRESTACIÓNS EN CONCEPTO DE MANUTENCIÓN, HOSPEDAXE, VIAXES E SIMILARES
Sen prexuízo das axudas de custo e gastos de viaxe exceptuados de gravame, as prestacións en concepto de manutención, hospedaxe, viaxes e similares valoraranse polo custo para o pagador, incluídos os tributos que graven a operación.
C) PRIMAS OU COTAS SATISFEITAS EN VIRTUDE DE CONTRATO DE SEGURO OU SIMILAR
Valoraranse polo custo para o pagador, incluídos os tributos que graven a operación.
Non obstante, non terán a consideración de retribución en especie as primas ou cotas satisfeitas a entidades aseguradoras para a cobertura de enfermidade do propio traballador, cónxuxe e descendentes nas condicións establecidas legalmente.
D) CANTIDADES DESTINADAS A SATISFACER GASTOS DE ESTUDO E MANUTENCIÓN
As cantidades destinadas a satisfacer gastos de estudos e manutención do contribuínte ou doutras persoas ligadas a este por vínculo de parentesco, incluídos os afíns, ata o cuarto grao inclusive, valoraranse polo custo para o pagador, incluídos os tributos que graven a operación.
Non obstante, non terán a consideración de retribución en especie as cantidades destinadas á actualización, capacitación ou reciclaxe do persoal empregado cando veñan esixidas polo desenvolvemento das súas actividades ou as características dos postos de traballo.
E) PLANS DE PENSIÓNS E COMPROMISOS POR PENSIÓNS
As contribucións satisfeitas polos promotores de plans de pensións ou polas empresas promotoras previstas na Directiva 2003/41/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 3 de xuño de 2003, así como as cantidades satisfeitas por empresarios para facer fronte aos compromisos por pensións nos termos previstos na disposición adicional primeira do Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba a Lei de regulación dos plans e fondos de pensións, incluiranse como rendementos do traballo en especie polo seu importe.
Igualmente polo seu importe, as cantidades satisfeitas por empresarios aos seguros de dependencia.