FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > RÉXIMES ESPECIAIS > IMPUTACIÓNS DE RENDAS POSITIVAS NO RÉXIME DE TRANSPARENCIA FISCAL INTERNACIONAL > RÉXIME DE TRANSPARENCIA FISCAL INTERNACIONAL
OUTRAS CUESTIÓNS

 

Ademais, deben terse en conta, entre outras, as seguintes cuestións:

 

INTEGRACIÓN NA BASE IMPOÑIBLE

 

As rendas positivas de cada unha das fontes citadas imputaranse na base impoñible xeral, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei do imposto.

 

 

DISTRIBUCIÓN DE DIVIDENDOS

 

Non se integrarán na base impoñible os dividendos ou participacións en beneficios distribuídos pola entidade non residente na parte que corresponda á renda positiva que fose imputada. Este mesmo tratamento aplicarase aos dividendos á conta.

 

En caso de distribución de reservas terase en conta a designación incluída no acordo social, entendéndose aplicadas as últimas cantidades aboadas ás ditas reservas.

 

 

TRANSMISIÓN DA PARTICIPACIÓN

 

Para calcular a renda derivada da transmisión da participación, directa ou indirecta, empregaranse as regras contidas na alínea a) do apartado 7 da DT vixésimo segunda do texto refundido da LIS, en relación coa renda positiva imputada na base impoñible. Os beneficios sociais aos que se refire o citado precepto serán os correspondentes á renda positiva imputada.

 

 

OBRIGAS FORMAIS

 

Os contribuíntes aos que sexa aplicable este réxime de imputación deberán presentar conxuntamente coa declaración do IRPF os seguintes datos relativos á entidade non residente:

 

-   Nome ou razón social e lugar do domicilio social.

 

-   Relación de administradores.

 

-   Balance e conta de perdas e ganancias.

 

-   Importe das rendas positivas que deban ser incluídas na base impoñible.

 

-   Xustificación dos impostos satisfeitos respecto da renda positiva que deba ser incluída na base impoñible.

 

 

CONVENIOS INTERNACIONAIS E RÉXIMES FORAIS

 

O réxime de transparencia fiscal internacional entenderase sen prexuízo do disposto nos tratados e convenios internacionais que pasasen a formar parte do ordenamento interno e dos réximes tributarios forais de concerto e convenio económico en vigor, respectivamente, nos territorios históricos do País Vasco e na Comunidade Foral de Navarra.