OBRAS E INSTALACIÓNS DE ADECUACIÓN DA VIVENDA HABITUAL POR DISCAPACITADOS
Enténdese por obras e instalacións de adecuación da vivenda habitual dos discapacitados aquelas que impliquen unha reforma do seu interior, así como as de modificación dos elementos comúns do edificio que sirvan de paso necesario entre o predio urbano e a vía pública, tales como escaleiras, ascensores, corredores, portais ou calquera outro elemento arquitectónico, ou as necesarias para a aplicación de dispositivos electrónicos que sirvan para superar barreiras de comunicación sensorial ou de promoción da súa seguridade.
Darán dereito á dedución as obras e instalacións de adecuación que se deban efectuar na vivenda habitual do contribuínte por razón da discapacidade do propio contribuínte, do seu cónxuxe, ou dun parente en liña directa ou colateral, consanguínea ou por afinidade ata o terceiro grao inclusive que convivan con el.
A vivenda debe estar ocupada por calquera destas persoas a título de propietario, arrendatario, subarrendatario ou usufrutuario.
ACREDITACIÓN
As obras e instalacións de adecuación deberán ser certificadas pola Administración competente como necesarias para a accesibilidade e comunicación sensorial que facilite o desenvolvemento digno e adecuado das persoas con discapacidade.
A acreditación ante a Administración tributaria efectuarase mediante certificado ou resolución expedido polo Instituto de Migracións e Servizos Sociais ou o órgano competente das comunidades autónomas en materia de valoración de discapacidades, baseándose no ditame emitido polos equipos de valoración e orientación dependentes desta.