FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO A1 - A2 - A3 - A4 DEDUCIÓNS XERAIS DA COTA > DEDUCIÓN POR INVESTIMENTO EN VIVENDA HABITUAL (RÉXIME TRANSITORIO)

OBRAS DE INSTALACIÓN OU ADECUACIÓN DA VIVENDA HABITUAL DE DISCAPACITADO

 

Tamén poderán aplicar a dedución por investimento en vivenda os contribuíntes que efectúen no exercicio pagamentos por obras e instalacións de adecuación para discapacitados na súa vivenda habitual, incluídos os elementos comúns do edificio e os que sirvan de paso necesario entre o predio e a vía pública.

 

A dedución só será aplicable cando se satisfisexen cantidades por tal concepto con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013, sempre que, ademais, as obras estean terminadas antes do 1 de xaneiro de 2017.

 

Tratándose de obras de modificación dos elementos comúns do edificio que sirvan de paso necesario entre o predio urbano e a vía pública, así como as necesarias para a aplicación de dispositivos electrónicos que sirvan para superar barreiras de comunicación sensorial ou de promoción da súa seguridade, poderán aplicar tamén esta dedución os contribuíntes que sexan copropietarios do inmoble no que se encontre a vivenda.

 

 

BASE MÁXIMA DA DEDUCIÓN

 

A base máxima desta dedución será de 12.080 euros anuais e estará constituída polas cantidades satisfeitas pola execución das obras e instalacións de adecuación da vivenda habitual, incluídos os gastos orixinados que fosen a cargo da persoa discapacitada e, no caso de financiamento alleo, a amortización, os xuros, o custo dos instrumentos de cobertura do risco de tipo de xuro variable dos préstamos hipotecarios regulados no artigo décimo noveno da Lei 36/2003, do 11 de novembro, de medidas de reforma económica e demais gastos derivados desta.

No caso de aplicación dos citados instrumentos de cobertura, os xuros satisfeitos pola persoa contribuínte minoraranse nas cantidades obtidas pola aplicación do citado instrumento.

 

Este límite opera con independencia da base máxima aplicable á dedución por adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual.

 

 

PORCENTAXE DA DEDUCIÓN

 

A porcentaxe de dedución aplicable á base de dedución será en todo caso do 10 por 100 na parte estatal, e do 10 por 100 na autonómica, é dicir, o 20 por 100.

 

COMUNIDADE AUTÓNOMA DE CATALUÑA

A porcentaxe aplicable no tramo autonómico da dedución será o 15 por 100.

 

 

FORMA DE CUBRIR: consignaranse as cantidades investidas polo contribuínte en obras e instalacións de adecuación para discapacitados da vivenda habitual, tendo en conta que a base máxima de dedución non poderá superar 12.080 euros anuais.