O Programa de axuda á declaración de renda (PADRE) 2014 foi desenvolvido completamente en Java para posibilitar a súa utilización en todos aqueles contornos operativos que dispoñan da correspondente máquina virtual Java (JVM).
A adopción desta medida débese a dúas razóns fundamentais. En primeiro lugar, ás obrigas impostas pola normativa legal (deberes das administracións públicas cos cidadáns, establecidos na Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos), pero tamén como resposta ás solicitudes recibidas por parte de colectivos cada vez máis numerosos de usuarios de ordenadores equipados con sistemas operativos diferentes aos dominantes no mercado.
O novo deseño construtivo do programa permitiu acometer algunhas modificacións que viñan solicitando os usuarios ou inducindo os avances tecnolóxicos experimentados nos últimos anos. Algunhas das ideas principais consistiron, en todo caso, en incrementar a usabilidade e accesibilidade do programa.
Así, realizáronse cambios de carácter puramente tecnolóxico, como a eliminación da impresión directa á impresora, introducindo como alternativa a xeración de ficheiros adobe PDF, e outros de tipo procedemental, como o que supón a nova filosofía de captura de datos sobre cada unha das declaracións individuais da unidade familiar (declarante, cónxuxe e ata 4 posibles fillos con rendas) en vez de cubrir os datos sobre a declaración correspondente á unidade familiar.
Como resumo das novidades principais:
- Os datos persoais e familiares cóbrense introducindo os datos correspondentes non só ao contribuínte senón tamén, se é o caso, ao cónxuxe, descendentes e ascendentes.
- Utilización de dous perfís (Básico e Avanzado) para limitar o número de recadros que se deben revisar para cubrir a declaración. Á parte da utilización dos perfís, tamén se pode limitar ou estender este conxunto de recadros mediante a opción Seleccionar recadros.
- As pantallas de recollida de datos que mostra o programa correspóndense, practicamente na súa totalidade, cos recadros (conceptos tributarios) contidos no modelo oficial de declaración do IRPF (modelo D-100) publicado no BOE, eliminando a presentación das páxinas completas do modelo.
- Con carácter xeral, a captura dos datos económicos e demais necesarios para confeccionar a declaración realizarase necesariamente desde a modalidade de declaración individual de cada contribuínte. Non obstante, se desexa optar pola declaración conxunta da súa unidade familiar, o programa xerará a declaración conxunta a partir dos datos introducidos nas declaracións individuais.
- Na captura dos datos económicos, cando existan rendas comúns a ambos os cónxuxes, cada un deles deberá indicar a parte desta que lle corresponde.
- No procedemento de descarga e incorporación de datos fiscais desde o sistema de datos da Axencia Tributaria incluíuse, entre outros cambios, a descarga dos datos identificadores e persoais (datos non económicos). A única condición é que se presentase declaración do IRPF no exercicio 2013.
- A impresión da declaración transfórmase na xeración dun arquivo de texto en formato PDF (Adobe) (1), deixando a discreción do usuario do programa a utilización do dito arquivo: almacenamento para a súa posterior impresión, transferencia entre ordenadores, impresión directa etc.
(1) Existen visores gratuítos de arquivos PDF en internet.
Outras novidades son:
- Axuda á navegación en formato texto (lista de conceptos tributarios) ou imaxes das páxinas do modelo cos recadros realzados.
- Posibilidade de seleccionar o estilo de presentación (look&feel) dos paneis.
- Posibilidade de modificar a gama de cores de fondo que usa o programa.
- Configuración do visor de arquivos PDF.