LÍMITE MÁXIMO DO CONXUNTO DAS DEDUCIÓNS
O importe das deducións do exercicio 2014 e dos saldos pendentes de aplicar de exercicios anteriores non poderá exceder conxuntamente do 25 por 100 da cota que resulte de minorar a suma das cotas íntegras estatal e autonómica ou complementaria (recadros 545 e 546) no importe total da dedución por investimento en vivenda habitual (recadros 547 e 548), por investimentos e gastos en bens de interese cultural (recadros 550 e 551) e por investimento en empresas de nova ou recente creación (recadro 549).
Non obstante, este límite elévase ao 50 por 100 en canto ás deducións de réxime xeral, cando os importes das deducións por actividades de investigación científica e innovación tecnolóxica e para o fomento das tecnoloxías da información e da comunicación que correspondan a gastos e investimentos efectuados no propio período impositivo, excedan do 10 por 100 desa mesma cota.
Estes límites son calculados e aplicados polo programa.
CANTIDADES NON DEDUCIDAS
As cantidades correspondentes ao período impositivo non deducidas por exceder do límite máximo poderán aplicarse, respectando os mesmos límites, nas liquidacións dos períodos impositivos que conclúan nos quince anos inmediatos e sucesivos.
Non obstante, as cantidades correspondentes ás deducións por actividades de investigación científica e innovación tecnolóxica e para o fomento das tecnoloxías da información e da comunicación poderán aplicarse nas liquidacións dos períodos impositivos que conclúan nos dezaoito anos inmediatos e sucesivos.
Deducións pendentes de aplicar o 1 de xaneiro de 2014
As deducións pendentes de aplicar ata o 1 de xaneiro de 2014 procedentes de exercicios anteriores poderán tamén aplicarse no prazo de 15 ou 18 anos, segundo corresponda.
MANTEMENTO DO INVESTIMENTO
Os elementos patrimoniais afectos ás deducións previstas nos artigos 35 a 43 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades deberán permanecer en funcionamento durante cinco anos, ou tres se se trata de bens mobles, ou durante a súa vida útil se fose inferior.
Conxuntamente coa cota correspondente ao período impositivo no que se manifeste o incumprimento deste requisito, debe ingresarse a cantidade deducida, ademais dos xuros de mora.
DEDUCIÓN ÚNICA POR INVESTIMENTO
Un mesmo investimento non poderá dar lugar á aplicación da dedución en máis dunha persoa ou entidade.
Forma de cubrir
O cálculo das deducións por investimento empresarial non é realizado polo programa.
Para cubrir esta epígrafe, en cada dedución abrirase unha ventá de captura de datos na que deberá facilitar o importe da dedución, non do investimento e o importe que desexa aplicar; este último poderá ser inferior se na declaración de 2014 non desexa aplicar a totalidade.
O programa aplicará o importe facilitado sempre que non exceda dos límites máximos establecidos. Se o importe indicado excede do límite aplicable, aplicarase este último.