FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE ACTIVIDADES ECONÓMICAS > ACTIVIDADES AGRÍCOLAS, GANDEIRAS E FORESTAIS EN ESTIMACIÓN OBXECTIVA

ÍNDICES CORRECTORES

 

Nesta epígrafe o programa calcula e aplica, en función dos datos consignados, os índices correctores que procedan segundo as características da actividade desenvolvida.

 

A)  UTILIZACIÓN DE MEDIOS DE PRODUCIÓN ALLEOS EN ACTIVIDADES AGRÍCOLAS

 

Cando no desenvolvemento de actividades agrícolas se utilicen exclusivamente medios de produción alleos, sen ter en conta o solo, e salvo nos casos de parcería e figuras similares, aplicarase o índice 0,75.

 

Para aplicar este índice é preciso que o titular non traballe persoalmente na actividade, salvo en tarefas propias de dirección, organización e planificación; empregando integramente man de obra allea.

 

Ademais, todos os bens do inmobilizado material afectos á actividade deben ser achegados por terceiros, excluíndo, xuntamente co solo, todos aqueles elementos vinculados á terra e á explotación con carácter fixo e permanente (pozos, árbores, construcións).

 

 

B)  UTILIZACIÓN DE PERSOAL ASALARIADO

 

Cando o custo do persoal asalariado supere a porcentaxe do volume total de ingresos que se expresa, será aplicable o índice corrector que se indica:

 

                        PORCENTAXE                      ÍNDICE

                        Máis do 10 por 100                 0,90

                        Máis do 20 por 100                 0,85

                        Máis do 30 por 100                 0,80

                        Máis do 40 por 100                 0,75

 

Este índice corrector non se poderá aplicar cando resulte aplicable o índice corrector "por utilización de medios de produción alleos".

 

 

C)  CULTIVOS REALIZADOS EN TERRAS ARRENDADAS

 

Cando os cultivos se realicen, en todo ou en parte, en terras arrendadas, será aplicable o índice 0,90 sobre os rendementos procedentes de cultivos en terras arrendadas.

 

Cando non sexa posible delimitar os ditos rendementos, ratearase en función da porcentaxe que supoñan as terras arrendadas dedicadas a cada cultivo con respecto á superficie total, propia e arrendada, dedicada a ese cultivo.

 

 

D)  PENSOS ADQUIRIDOS A TERCEIROS EN MÁIS DO 50 %

 

Cando en actividades gandeiras se alimente o gando con pensos e outros produtos para a alimentación adquiridos a terceiros, que representen máis do 50 por 100 do importe dos consumidos aplicaranse os seguintes índices correctores:

 

-  Índice 0,95 para actividades de explotación intensiva de gando porcino de carne e avicultura.

-  Índice 0,75 para as restantes actividades.

 

Para os efectos deste índice, a valoración do importe dos pensos e doutros produtos propios efectuarase segundo o seu valor de mercado.

 

 

E)  POR ACTIVIDADES DE AGRICULTURA ECOLÓXICA

 

Cando a produción cumpra os requisitos establecidos na normativa legal vixente das correspondentes comunidades autónomas, pola que asumen o control deste tipo de produción de acordo co Real decreto 1852/1993, do 22 de outubro, sobre produción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos produtos agrarios e alimenticios (BOE do 26 de novembro) e o Regulamento (CEE) 2092/91, do Consello, do 24 de xuño de 1991, aplicarase o índice corrector 0,95.

 

 

F)   POR CULTIVOS EN TERRAS DE REGADÍO QUE UTILICEN, PARA TAL EFECTO, ENERXÍA ELÉCTRICA.

 

Cando os cultivos se realicen, en todo ou en parte, en terras de regadío e o consumo medio diario, en termos de enerxía facturada en KWh, da factura do mes do período impositivo con maior consumo sexa, polo menos, 2,5 veces superior ao correspondente á de dous meses do mesmo período impositivo, sempre que o contribuínte, ou a comunidade de regantes na  que participe, estea inscrito no rexistro territorial correspondente á oficina xestora de impostos especiais. 

 

 

G)  EMPRESA CUXO RENDEMENTO NETO MINORADO NON SUPERE 9.447,91 EUROS

 

Poderá aplicarse o índice 0,90 cando a suma dos rendementos netos minorados do conxunto das actividades agrícolas e gandeiras desenvolvidas por un mesmo titular non supere 9.447,91 euros anuais e non se teña dereito á redución do 25 por 100 da Lei 19/1995, por primeira instalación en explotacións prioritarias.

 

Se o rendemento neto minorado dalgunha das actividades agrícolas ou gandeiras desenvolvidas polo contribuínte é negativo, aplicarase este índice cando a suma total sexa positiva, pero non superior a 9.447,91 euros. Nese caso o programa aplica o índice 0,90 ao conxunto das actividades, tanto con rendemento positivo como negativo.

 

 

ÍNDICE APLICABLE A DETERMINADAS ACTIVIDADES FORESTAIS

 

Cando se exploten terreos forestais xestionados de acordo con plans técnicos de xestión forestal, ordenación de montes, plans dasocráticos ou plans de repoboación forestal aprobados pola autoridade forestal competente, sempre que o período de produción medio, segundo a especie de que se trate, determinado en cada caso pola Administración forestal competente, sexa igual ou superior a vinte anos, aplicarase o índice corrector 0,80.

 

Ás actividades forestais unicamente lles poderá resultar de aplicación este índice corrector.