MÁQUINAS RECREATIVAS
Consideraranse máquinas recreativas tipo A ou B as definidas como tales nos artigos 4 e 5, respectivamente, do Regulamento de máquinas recreativas e de azar, aprobado polo Real decreto 2110/1998, do 2 de outubro.
O tipo ao que pertencen figura nas guías de circulación das máquinas recreativas.
- Máquinas de tipo A ou recreativas
Son aquelas de mero pasatempo ou recreo que se limitan a concederlle ao usuario un tempo de uso ou de xogo a cambio do prezo da partida, sen que poidan conceder ningún tipo de premio en metálico, en especie ou en forma de puntos cambiables por obxectos ou diñeiro.
Inclúense tamén neste grupo de máquinas de tipo A as que ofrezan como único aliciente adicional e por causa da habilidade do xogador a posibilidade de continuar xogando polo mesmo importe inicial en forma de prolongación da propia partida ou doutras adicionais, que en ningún caso poderá ser cambiada por diñeiro ou especie.
- Máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado
Son máquinas de tipo B aquelas que, a cambio do prezo da partida, lle conceden ao usuario un tempo de uso ou de xogo e, eventualmente, de acordo co programa de xogo, un premio en metálico.
Ademais, tamén se considerarán como máquinas de tipo B as máquinas que por incluír algún elemento de xogo, aposta, envite ou azar inclúa neste tipo o Ministerio do Interior, sempre que non estean afectadas por algunha das exclusións previstas no artigo 2 do regulamento citado.
Unicamente se computarán as máquinas recreativas instaladas que non sexan propiedade do titular da actividade.
A explotación de máquinas recreativas polo seu propietario constitúe unha actividade independente clasificada na epígrafe 969.4 do imposto sobre actividades económicas (IAE).