REQUISITOS QUE DEBEN CUMPRIR OS DESCENDENTES
Orixinan dereito á aplicación do mínimo por descendentes as persoas que cumpran as seguintes condicións na data de xeración do imposto:
- Que se trate de descendentes menores de 25 anos (ou calquera que sexa a súa idade cando o descendente sexa discapacitado e se acredite, na data de xeración do imposto, un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100).
Asimílanse aos descendentes aquelas persoas vinculadas ao contribuínte por razón de tutela e acollemento, nos termos previstos na lexislación civil aplicable.
- Que convivan co contribuínte. Entre outros casos, considerarase que conviven co contribuínte os descendentes que, dependendo deste, estean internados en centros especializados.
- Que non teñan rendas anuais superiores a 8.000 euros, excluídas as exentas.
- Que non presenten declaración polo imposto con rendas superiores a 1.800 euros (exceptuando o caso de tributación conxunta cos pais, que non impide a aplicación do mínimo familiar por descendentes).
IMPORTE
Por cada descendente que xere dereito á aplicación do mínimo, poderán reducirse as seguintes contías:
• Polo primeiro: 1.836 euros anuais.
• Polo segundo: 2.040 euros anuais.
• Polo terceiro: 3.672 euros anuais.
• Polo cuarto e seguintes: 4.182 euros anuais.
A orde dos descendentes determinarase segundo a súa data de nacemento.
Descendentes menores de tres anos
Cando o descendente sexa menor de tres anos, o mínimo anterior aumentarase en 2.244 euros anuais.
Nos supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente, o dito aumento producirase, con independencia da idade do menor, no período impositivo en que se inscriba no Rexistro Civil e nos dous seguintes. Cando a inscrición non sexa necesaria, o aumento poderá practicarse no período impositivo en que se produza a resolución xudicial ou administrativa correspondente e nos dous seguintes.
IMPORTANTE
En caso de falecemento durante o período impositivo dun descendente que cumpra os requisitos esixidos, o mínimo por descendentes será de 1.836 euros anuais.
Cando dous ou máis contribuíntes teñan dereito á aplicación do mínimo por descendentes, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais.
Non obstante, cando os contribuíntes teñan distinto grao de parentesco co descendente, a aplicación do mínimo corresponderalles aos de grao máis próximo, salvo que estes non teñan rendas anuais superiores a 8.000 euros anuais, excluídas as exentas, en cuxo caso lles corresponderá aos do seguinte grao.
COMUNIDADE DE MADRID
Para o cálculo do gravame autonómico da Comunidade de Madrid aplicaranse os seguintes importes de mínimos por descendentes:
− 1.836 euros anuais polo primeiro descendente que xere dereito á aplicación do mínimo por descendentes.
− 2.040 euros anuais polo segundo.
− 4.039,20 euros anuais polo terceiro.
− 4.600,20 euros anuais polo cuarto e seguintes.
Cando o descendente sexa menor de tres anos, a contía que corresponda ao mínimo por descendentes, das indicadas nesta disposición, aumentarase en 2.244 euros anuais.
CANTABRIA
Para o cálculo do gravame autonómico de Cantabria aplicaranse os seguintes importes de mínimos por descendentes:
- 2.000 euros anuais polo primeiro descendente.
- 2.200 euros anuais polo segundo descendente.
- 3.900 euros anuais polo terceiro descendente.
- 4.450 euros anuais polo cuarto e seguintes descendentes.
- O mínimo por descendentes cando sexa menor de tres anos aumentarase en 2.400 euros anuais.
CASTELA-A MANCHA
Para o cálculo do gravame autonómico de Castela-A Mancha aplicaranse os seguintes importes de mínimos por descendentes:
- 1.927,80 euros anuais polo primeiro descendente.
- 2.142,00 euros anuais polo segundo descendente.
- 3.855,60 euros anuais polo terceiro descendente.
- 4.391,10 euros anuais polo cuarto e seguintes descendentes.
- O mínimo por descendentes cando sexa menor de tres anos aumentará en 2.356,20 euros anuais.