A) DECLARACIÓNS "PARA INGRESAR"
A presentación e realización do ingreso que resulte das autoliquidacións polo imposto sobre a renda das persoas físicas deberá efectuarse:
Nas entidades de crédito que actúan como colaboradoras na xestión recadatoria (bancos, caixas de aforro ou cooperativas de crédito) situadas en territorio español, incluso cando o ingreso se efectúe fóra do prazo establecido.
As declaracións para ingresar efectuadas a través dos servizos de axuda prestados nas oficinas da AEAT, así como nas habilitadas para tal efecto polas comunidades autónomas ou cidades con Estatuto de autonomía e entidades locais poderán presentarse directamente en tales oficinas para a súa inmediata transmisión telemática, sempre que se efectuase a domiciliación bancaria do ingreso resultante destas nos termos xa expostos, ou do primeiro prazo, se se trata de declaracións nas que se optase polo fraccionamento do pagamento.
B) DECLARACIÓNS "PARA DEVOLVER" CON SOLICITUDE DE DEVOLUCIÓN
Naqueles casos en que as declaracións polo imposto sobre a renda das persoas físicas cuxo resultado sexa unha cantidade para devolver con solicitude de devolución, a presentación poderá efectuarse:
a) En calquera delegación da Axencia Tributaria ou administracións desta.
b) En calquera oficina situada en territorio español da entidade colaboradora na que desexe recibir o importe da devolución, aínda que a presentación se efectúe fóra do prazo establecido.
c) Tamén se poderán presentar nas oficinas habilitadas polas comunidades autónomas, cidades con estatuto de autonomía e entidades locais para a confección de declaracións mediante o Programa de axuda desenvolvido pola Axencia Tributaria.
En todo caso, farase constar o código IBAN que identifique a conta á que deba realizarse a transferencia.
Non obstante, cando o contribuínte solicite a devolución por transferencia bancaria nunha conta aberta en entidade de depósito que non actúe como colaboradora na xestión recadatoria da Axencia Estatal de Administración Tributaria, a declaración deberá ser presentada nas oficinas da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
Cando o contribuínte non teña conta aberta en entidade colaboradora ou concorra algunha outra circunstancia que o xustifique, farase constar este aspecto e acompañarase a declaración dun escrito dirixido ao administrador ou delegado da Axencia Tributaria que corresponda, quen, á vista deste e despois das pertinentes comprobacións, poderá ordenar a realización da devolución que proceda mediante a emisión de cheque nominativo do Banco de España.
Así mesmo, poderá ordenarse a realización da devolución mediante a emisión de cheque cruzado ou nominativo do Banco de España cando non se poida realizar mediante transferencia bancaria.
C) DECLARACIÓNS "NEGATIVAS" E "RENUNCIA" Á DEVOLUCIÓN
As declaracións negativas (sen ingreso nin devolución) do imposto sobre a renda das persoas físicas e aquelas nas que se renuncie á devolución a favor do Tesouro Público presentaranse ben directamente ante calquera delegación ou administración da Axencia Estatal de Administración Tributaria, ou por correo certificado dirixido á delegación ou administración da Axencia Tributaria correspondente ao domicilio fiscal actual do declarante.
Tamén se poderán presentar nas oficinas habilitadas polas comunidades autónomas, cidades con estatuto de autonomía e entidades locais para a confección de declaracións mediante o Programa de axuda desenvolvido pola Axencia Tributaria.
DECLARACIÓNS ACOLLIDAS AO PROCEDEMENTO DE SUSPENSIÓN DO INGRESO
As declaracións polo IRPF correspondentes a cónxuxes non separados legalmente nas que, ao amparo do disposto no artigo 97.6 da Lei do imposto, un deles solicite a suspensión do ingreso e o outro manifeste a renuncia ao cobramento da devolución, deben presentarse de forma simultánea e conxuntamente no lugar que corresponda dos sinalados anteriormente en función de que o resultado final das súas declaracións, como consecuencia da aplicación do mencionado procedemento, sexa para ingresar ou para devolver. Se o resultado final das mencionadas declaracións fose negativo, ambas se presentarán nos lugares indicados no parágrafo C) anterior.
PORTELO ÚNICA TRIBUTARIA
Tamén se poderá efectuar a presentación da declaración nas oficinas das administracións tributarias das comunidades autónomas que subscribisen coa Axencia Estatal de Administración Tributaria un convenio de colaboración para a implantación de sistemas de portelo único tributario nos termos previstos no dito convenio.
PRESENTACIÓN TELEMÁTICA
Ademais, con carácter xeral, a presentación das declaracións do IRPF tamén se poderá efectuar por vía telemática.
Os contribuíntes que presenten declaración polo imposto sobre o patrimonio estarán obrigados a utilizar a vía telemática a través de internet para a presentación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Unha vez realizada a autoliquidación mediante o programa de axuda PADRE, desenvolvido pola Axencia Tributaria para obter o ficheiro coa declaración que se vai transmitir ou mediante outro programa que obteña un ficheiro co mesmo formato e iguais características e especificacións, deberá procederse da seguinte forma, en función do resultado da autoliquidación e da domiciliación bancaria ou non do pagamento correspondente á totalidade do ingreso ou ao primeiro prazo:
a) Autoliquidacións para ingresar cuxo pagamento total ou o correspondente ao primeiro prazo non se realiza mediante domiciliación bancaria
O declarante porase en comunicación coa entidade colaboradora, xa sexa por vía electrónica (de forma directa ou a través da sede electrónica da Axencia Tributaria) ou acudindo ás súas oficinas, para efectuar o ingreso correspondente e facilitar os datos relativos ao dito ingreso.
A entidade colaboradora, unha vez realizado o ingreso, asignará un número de referencia completo (NRC) asociado ao ingreso efectuado. Posteriormente, o declarante conectarase coa sede electrónica da Axencia Tributaria e accederá ao trámite de presentación correspondente á autoliquidación que desexe transmitir e procederá a:
1. Seleccionar o ficheiro coa declaración do IRPF que se vai transmitir.
2. Subministrar o número de referencia completo (NRC) asociado ao ingreso que lle asignase a entidade colaboradora á declaración que se vai transmitir.
3. Xerar a sinatura electrónica e, no caso de declaración conxunta do IRPF, ademais, a do cónxuxe.
4. Transmitirlle á Axencia Tributaria a autoliquidación completa coa sinatura ou sinaturas electrónicas.
Tamén se poderá proceder neste exercicio, unha vez obtido o NRC da entidade colaboradora, á transmisión da autoliquidación sen necesidade de xerar sinatura electrónica avanzada, mediante a consignación do NIF do contribuínte e, no suposto da declaración conxunta presentada por ambos os cónxuxes, do NIF do cónxuxe, así como a correspondente clave de acceso ou número ou números de referencia do borrador ou dos datos fiscais previamente subministrados pola Axencia Tributaria.
Se a autoliquidación é aceptada, a Axencia Tributaria devolveralle en pantalla os datos do documento de ingreso ou devolución validado cun código seguro de verificación, así como a data e a hora da presentación. A persoa contribuínte deberá imprimir e conservar os datos do documento de ingreso ou devolución validado.
No suposto de que a autoliquidación fose rexeitada, amosaranse os erros detectados para que se proceda á súa emenda.
b) Autoliquidacións para ingresar cuxo pagamento total ou o correspondente ao primeiro prazo se realiza mediante domiciliación bancaria
A transmisión da declaración non precisará, con carácter previo, a comunicación coa entidade colaboradora para a realización do ingreso e a obtención do NRC. A transmisión da autoliquidación, na que se recollerá a correspondente orde de domiciliación, realizarase de acordo co comentado no parágrafo anterior, ben mediante a xeración da sinatura electrónica avanzada ou ben mediante a consignación do NIF do contribuínte e, no suposto de declaración conxunta formulada por ambos os cónxuxes, do NIF do cónxuxe, así como a correspondente clave de acceso ou número ou números de referencia do borrador ou dos datos fiscais previamente subministrados pola Axencia Tributaria.
O contribuínte, finalmente, deberá imprimir e conservar o documento de ingreso ou devolución validado cun código seguro de verificación de 16 caracteres no que constará, ademais da data e da hora de presentación da declaración, a orde de domiciliación efectuada e, de ser o caso, a opción de fraccionamento de pagamento escollida polo contribuínte.
c) Autoliquidacións das que resulte unha cantidade para ingresar que se presenten con solicitude de aprazamento ou fraccionamento, con solicitude de compensación, con recoñecemento de débeda de pagamento ou con solicitude de pagamento mediante entrega de bens do patrimonio histórico español
O procedemento de presentación electrónica das autoliquidacións ás que se refire este parágrafo leva consigo unicamente a particularidade de que, unha vez finalizada a presentación da declaración, o declarante ou a persoa ou entidade autorizada a presentar por vía telemática declaracións en representación de terceiras persoas obterá, ademais do código seguro de verificación, unha clave de liquidación de dezasete caracteres coa que, se o desexa, poderá solicitar nese mesmo momento, a través da ligazón habilitada para tal efecto, o aprazamento ou fraccionamento, ou a compensación ou, de ser o caso, o pagamento mediante entrega de bens do patrimonio histórico español, e coa que tamén poderá presentar as ditas solicitudes nun momento posterior na sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria en internet, no enderezo electrónico https://www.agenciatributaria.gob.es, a través da opción Procedementos, Servizos e Trámites (Información e Rexistro)/Recadación.
d) Autoliquidacións para devolver, con solicitude de devolución ou renuncia a esta a favor do Tesouro Público e negativas
O procedemento para a presentación destas autoliquidacións é similar ao anteriormente comentado para as autoliquidacións IRPF que hai que ingresar, coa salvidade de que non será preciso realizar a fase de comunicación coa entidade colaboradora para a realización do ingreso e para a obtención do NRC asociado a este, nin a de domiciliación nunha entidade colaboradora do ingreso.
Declaracións acollidas ao procedemento de suspensión do ingreso
Cando se trate de declaracións do IRPF correspondentes a cónxuxes non separados legalmente nas que un deles solicite a suspensión do ingreso e o outro a renuncia á devolución, se algún dos cónxuxes opta polo procedemento de presentación telemática, a declaración correspondente ao outro deberá presentarse tamén por este mesmo procedemento.