INVESTIMENTOS EN QUE PODEN MATERIALIZARSE AS DOTACIÓNS REALIZADAS

 

As dotacións á reserva poderán materializarse nalgún dos seguintes investimentos cando se cumpran os requisitos do artigo 27.4 da Lei 19/1994, do réxime fiscal de Canarias:

 

A. Investimentos iniciais consistentes na adquisición de elementos patrimoniais novos do activo fixo material ou inmaterial como consecuencia de:
 

-   A creación ou ampliación dun establecemento.

-   A diversificación da actividade dun establecemento para a elaboración de novos produtos.

-   A transformación substancial no proceso de produción dun establecemento.

-   Os investimentos en solo, edificado ou non, sempre que non se beneficiasen anteriormente deste réxime e afecte:

1.   A promoción de vivendas protexidas e sexan destinados ao arrendamento pola sociedade promotora.

2.   O desenvolvemento de actividades industriais incluídas nas divisións 1 a 4 da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas.

3.   As zonas comerciais e as actividades turísticas nos termos fixados no artigo 27.4 da Lei 19/1994 do réxime económico e fiscal de Canarias.

B. Creación de postos de traballo relacionada de forma directa cos investimentos previstos na alínea A, que se produza dentro dun período de seis meses que se contará desde a data de entrada en funcionamento do dito investimento.
 C. Adquisición de elementos patrimoniais do activo fixo material ou inmaterial que non poida ser considerada como investimento inicial por non reunir algunha das condicións establecidas na alínea A anterior, o investimento en activos que contribúan á mellora e protección do medio ambiente no territorio canario, así como aqueles gastos de investigación e desenvolvemento que regulamentariamente se determinen.
 D. Subscrición de:
1. Accións ou participacións no capital emitidas por sociedades como consecuencia da súa constitución ou ampliación de capital que desenvolvan no arquipélago a súa actividade, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 27.4 da Lei 19/1994.
2. Accións ou participacións no capital emitidas por entidades da zona especial canaria como consecuencia da súa constitución ou ampliación de capital, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos no número 1 anterior e os previstos no capítulo I do título V da Lei 19/1994.

Adicionalmente, deberan reunirse as seguintes condicións:
O importe da emisión ou da ampliación de capital será superior a 750.000 euros.
Polo menos o 10 % da emisión ou da ampliación de capital será subscrito por algunha persoa ou entidade que non materialice cantidades destinadas á reserva para investimentos en Canarias e será desembolsado de maneira inmediata tras o outorgamento da escritura de constitución ou ampliación de capital.
3. Accións ou participacións no capital ou no patrimonio emitidas por sociedades e fondos de capital-risco regulados na Lei 25/2005, reguladora das entidades de capital-risco e as súas sociedades xestoras, e en fondos de investimento regulados na Lei 35/2003, de institucións de investimento colectivo, como consecuencia da súa constitución ou ampliación de capital, sempre que as entidades de capital-risco e os fondos de investimento participados invistan unha cantidade equivalente das participacións adquiridas en accións ou participacións representativas do capital das sociedades a que se refiren os números 1 e 2 desta alínea que cumpran cos requisitos alí establecidos, emitidas con ocasión da súa constitución ou ampliación de capital.
 4. Títulos valores de débeda pública da Comunidade Autónoma de Canarias, das corporacións locais canarias ou das súas empresas públicas ou organismos autónomos, sempre que esta se destine a financiar investimentos en infraestrutura e equipamento ou de mellora e protección do medio no territorio canario, co límite do 50 por 100 das dotacións efectuadas en cada exercicio.
5. Títulos valores emitidos por organismos públicos que procedan á construción ou explotación de infraestruturas ou equipamentos de interese público para as administracións públicas en Canarias, cando o financiamento obtido coa dita emisión se destine de forma exclusiva a tal construción ou explotación, co límite do cincuenta por cento das dotacións efectuadas en cada exercicio.
6. Títulos valores emitidos por entidades que procedan á construción ou explotación de infraestruturas ou equipamentos de interese público para as administracións públicas en Canarias, cando o financiamento obtido coa dita emisión se destine de forma exclusiva a tal construción ou explotación, co límite do 50 por 100 das dotacións efectuadas en cada exercicio e nos termos que se prevexan regulamentariamente.