INVESTIGACIÓN E DESENVOLVEMENTO E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA: EXCLUSIÓNS
EXCLUSIÓNS (art. 35.3 da LIS)
Non se considerarán actividades de investigación e desenvolvemento nin de innovación tecnolóxica as consistentes en:
a) As actividades que non impliquen unha novidade científica ou tecnolóxica significativa.
En particular, os esforzos rutineiros para mellorar a calidade de produtos ou procesos, a adaptación dun produto ou proceso de produción xa existente aos requisitos específicos impostos por un cliente, os cambios periódicos ou de temporada excepto os mostrarios téxtiles e da industria do calzado, do curtido, da marroquinería, do xoguete, do moble e da madeira, así como as modificacións estéticas ou menores de produtos xa existentes para diferencialos doutros similares.
b) As actividades de produción industrial e provisión de servizos ou de distribución de bens e servizos.
En particular, a planificación da actividade produtiva; a preparación e o inicio da produción, incluíndo a regulación de ferramentas e aqueloutras actividades distintas das descritas na alínea b) da epígrafe "Base e porcentaxe de dedución" correspondente á dedución por gastos en actividades de innovación tecnolóxica, a incorporación ou modificación de instalacións, máquinas, equipos e sistemas para a produción que non estean afectados a actividades cualificadas como de investigación e desenvolvemento ou de innovación; a solución de problemas técnicos de procesos produtivos interrompidos; o control de calidade e a normalización de produtos e procesos; a prospección en materia de ciencias sociais, os estudos de mercado e o establecemento de redes ou instalacións para a comercialización; o adestramento e a formación do persoal relacionado coas ditas actividades.
c) A exploración, sondaxe ou prospección de minerais e hidrocarburos.