INTEGRACIÓN DIFERIDA: PERDAS PATRIMONIAIS DERIVADAS DE TRANSMISIÓNS CON RECOMPRA DO ELEMENTO PATRIMONIAL TRANSMITIDO (art. 33.5, alíneas E), f) e g) da lei)
As seguintes perdas patrimoniais non se integrarán para os efectos liquidatorios no mesmo exercicio en que se xeren; non obstante, a perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio no que se xerase.
1- Transmisión de elementos patrimoniais readquiridos posteriormente
Non se computarán como perdas patrimoniais as derivadas das transmisións de elementos patrimoniais cando o transmisor volva adquirilos dentro do ano seguinte á data da dita transmisión.
Esta perda patrimonial integrarase cando se produza a posterior transmisión do elemento patrimonial.
2- Transmisión de valores ou participacións e readquisición de valores homoxéneos
Tampouco se computarán como perdas patrimoniais as derivadas das transmisións de valores ou participacións cando o contribuínte adquirise valores homoxéneos dentro dos seguintes prazos:
a) Se se trata de valores ou participacións admitidos a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, relativa aos mercados de instrumentos financeiros, cando o contribuínte adquirise valores homoxéneos dentro dos dous meses anteriores ou posteriores ás ditas transmisións.
b) Se se trata de valores ou participacións non admitidos a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, relativa aos mercados de instrumentos financeiros, cando o contribuínte adquirise valores homoxéneos no ano anterior ou posterior ás ditas transmisións.
Nestes casos as perdas patrimoniais integraranse a medida que se transmitan os valores ou participacións que permanezan no patrimonio do contribuínte.
Readquisición con posterioridade á finalización do prazo de declaración (art.73.2 do regulamento)
Cando o contribuínte realice a adquisición dos elementos patrimoniais ou dos valores ou participacións homoxéneos con posterioridade á finalización do prazo regulamentario de declaración do período impositivo no que computou a perda patrimonial derivada da transmisión, deberá presentar autoliquidación complementaria, con inclusión dos xuros de mora, no prazo que medie entre a data en que se produza a adquisición e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se realice a dita adquisición.