FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS > INSTITUCIÓNS DE INVESTIMENTO COLECTIVO

INSTITUCIÓNS DE INVESTIMENTO COLECTIVO CONSTITUÍDAS EN PARAÍSOS FISCAIS (art. 95 da lei)

 

IMPUTACIÓN DE RENDA

Os contribuíntes que participen en institucións de investimento colectivo constituídas en países ou territorios cualificados regulamentariamente como paraísos fiscais imputarán na renda xeral do período impositivo a diferenza positiva entre o valor liquidativo da participación o día de peche do período impositivo e o seu valor de adquisición.

Presumirase, salvo proba en contrario, que esta diferenza é o 15 por 100 do valor de adquisición da acción ou participación.

A cantidade imputada considerarase maior valor de adquisición.

Os beneficios distribuídos pola institución de investimento colectivo non se imputarán e minorarán o valor de adquisición da participación.

 

ACCIÓNS OU PARTICIPACIÓNS ADQUIRIDAS ANTES DO 01-01-1999 (DT oitava da lei)

Para os efectos de calcular o exceso do valor liquidativo, tomarase como valor de adquisición o valor liquidativo o 1 de xaneiro de 1999 respecto das participacións e accións que neste posúa o contribuínte.

A diferenza entre o dito valor e o valor efectivo de adquisición non se tomará como valor de adquisición para os efectos da determinación das rendas derivadas da transmisión ou reembolso das accións ou participacións.

 

BENEFICIOS DISTRIBUÍDOS OBTIDOS ANTES DO 01-01-1999 (DT oitava da lei)

Os dividendos e participacións en beneficios distribuídos polas institucións de investimento colectivo, que procedan de beneficios obtidos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999, integraranse na base impoñible dos socios ou partícipes destes.

Para estes efectos, entenderase que as primeiras reservas distribuídas foron dotadas cos primeiros beneficios gañados.