Os contribuíntes que sexan socios ou partícipes das institucións de investimento colectivo reguladas na Lei de institucións de investimento colectivo imputarán, de conformidade co disposto nas normas da Lei do imposto, as seguintes rendas:
a) A ganancia ou perda patrimonial obtida como consecuencia da transmisión das accións ou participacións ou do reembolso destas últimas. Cando existan valores homoxéneos, considerarase que os transmitidos ou reembolsados polo contribuínte son aqueles que adquiriu en primeiro lugar.
b) Os resultados distribuídos polas institucións de investimento colectivo.
RÉXIME DE DIFERIMENTO POR REINVESTIMENTO (art. 94 da lei)
Cando o importe obtido se destine á adquisición ou subscrición doutras accións ou participacións en institucións de investimento colectivo. Non procederá computar a ganancia ou perda patrimonial, e as novas accións ou participacións subscritas conservarán o valor e a data de adquisición das accións ou participacións transmitidas ou reembolsadas.
Este réxime de diferimento será aplicable nos seguintes casos:
A) Nos reembolsos de participacións en institucións de investimento colectivo que teñan a consideración de fondos de investimento.
B) Nas transmisións de accións de institucións de investimento colectivo con forma societaria, sempre que se cumpran as dúas condicións seguintes:
- Que o número de socios da institución de investimento colectivo cuxas accións se transmitan sexa superior a 500.
- Que o contribuínte non participase, nalgún momento dentro dos doce meses anteriores á data da transmisión, en máis do 5 por 100 do capital da institución de investimento colectivo.
O réxime de diferimento non será de aplicación cando, por calquera medio, se poña á disposición do contribuínte o importe derivado do reembolso ou transmisión das accións ou participacións.
Requisitos
a) A adquisición, subscrición, transmisión e reembolso de accións e participacións realizarase a través de entidades comercializadoras inscritas na Comisión Nacional do Mercado de Valores.
b) No caso de que a institución de investimento colectivo se estruture en compartimentos ou subfondos, o número de socios e a porcentaxe máxima de participación prevista na alínea B) anterior entenderase referida a cada compartimento ou subfondo comercializado.
PARTICIPACIÓNS EN FONDOS DE INVESTIMENTO COTIZADOS E SOCIEDADES DO MESMO TIPO
O réxime de diferimento previsto no parágrafo anterior non resultará de aplicación cando a transmisión ou reembolso ou, se é o caso, a subscrición ou adquisición teña por obxecto participacións representativas do patrimonio dos fondos de investimento cotizados ou a partir do 9 de xuño de 2010 de accións das sociedades do mesmo tipo (SICAV índice cotizadas) a que se refire o artigo 49 do regulamento da Lei 35/2003, do 4 de novembro, de institucións de investimento colectivo, aprobado polo Real decreto 1309/2005, do 4 de novembro.
NOTA: o réxime previsto en todo este parágrafo (art. 94 da lei) seralles de aplicación tamén aos socios ou partícipes de institucións de investimento colectivo, regulados pola Directiva 85/611/CEE do Consello, do 20 de decembro de 1985, distintas das previstas no artigo 95 da lei, constituídas e domiciliadas nalgún Estado membro da Unión Europea e inscritas no rexistro especial da Comisión Nacional do Mercado de Valores, para os efectos da súa comercialización por entidades residentes en España.