FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE CAPITAL MOBILIARIO

INGRESOS ÍNTEGROS DO CAPITAL MOBILIARIO (art. 21 da lei)

 

Terán a consideración de rendementos íntegros do capital a totalidade das utilidades ou contraprestacións, calquera que sexa a súa denominación ou natureza, en diñeiro ou en especie, que proveñan, directa ou indirectamente, de elementos patrimoniais, bens ou dereitos, de natureza mobiliaria, cuxa titularidade lle corresponda ao contribuínte e non se encontren afectos a actividades económicas realizadas por este.

A Lei do imposto dispón que en ningún caso terán a consideración de elementos afectos os activos representativos da participación en fondos propios dunha entidade e da cesión de capitais a terceiros (art. 29.1.c) da lei).

Non obstante, as rendas derivadas da transmisión da titularidade dos elementos patrimoniais, aínda cando exista un pacto de reserva de dominio, tributarán como ganancias ou perdas patrimoniais, salvo que se cualifiquen expresamente como rendementos do capital, como é o caso da transmisión de activos representativos da captación e utilización de capitais alleos (obrigas, bonos, letras, obrigas de pagamento etc.).

Non terá a consideración de rendemento de capital mobiliario, sen prexuízo da súa tributación polo concepto que corresponda, a contraprestación obtida polo contribuínte polo aprazamento ou fraccionamento do prezo das operacións realizadas en desenvolvemento da súa actividade económica habitual (art. 25.5 da lei).

 

RENDEMENTOS EN ESPECIE

Se os rendementos de capital mobiliario se perciben en especie, deberá computarse como ingreso íntegro o valor de mercado dos bens ou servizos recibidos. Ao dito valor sumaráselle o ingreso á conta, salvo que o seu importe fose repercutido ao perceptor da renda (art. 43.2 da lei).

 

RENDAS ESTIMADAS (art. 40 da lei)

Presumiranse retribuídas, salvo proba en contrario, as prestacións de bens ou dereitos susceptibles de xerar rendementos do capital (art. 6.5 da lei).

A valoración das rendas estimadas efectuarase polo valor normal de mercado. Entenderase por valor normal de mercado a contraprestación que acordarían suxeitos independentes, salvo proba en contrario.

Se se trata de préstamos e operacións de captación ou utilización de capitais alleos en xeral, entenderase por valor normal de mercado o tipo de xuro legal do diñeiro que se encontre en vigor o último día do período impositivo.

O tipo de xuro legal do diñeiro establecido para o ano 2014 é o 4 por 100.

 

OPERACIÓNS VINCULADAS (art. 41 da lei)

Con carácter xeral, no imposto sobre a renda das persoas físicas aplícanse as regras de valoración das operacións vinculadas nos termos previstos no artigo 16 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades.