FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE ACTIVIDADES ECONÓMICAS > RÉXIME DE ESTIMACIÓN OBXECTIVA (EXCEPTO ACTIVIDADES AGRÍCOLAS, GANDEIRAS E FORESTAIS)

INFORMACIÓN RELATIVA Á ACTIVIDADE

 

Unha vez seleccionada a epígrafe da actividade, ou pulsando a icona situada xunto a este recadro, aparece unha ventá de captura de datos que recolle a información adicional precisa para o cálculo do rendemento neto e, se é o caso, dos índices correctores aplicables.

 

Se se exerce a actividade a través dunha entidade en réxime de atribución de rendas, como son as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens, herdanzas xacentes etc.) ou as sociedades civís, teñan ou non personalidade xurídica, non debe cubrir esta epígrafe, senón que deberá consignar o rendemento neto atribuído na epígrafe "Réximes especiais: réxime de atribución de rendas" (epígrafe F da páxina 8 da declaración).

 

 

-   ACTIVIDADE DE TEMPORADA

 

Teñen a consideración de actividades de temporada aquelas que habitualmente só se desenvolven durante certos días do ano, continuos ou alternos, sempre que o total non exceda de cento oitenta días por ano.

 

Se se trata dunha actividade de temporada, neste recadro deberase indicar o número de días de exercicio da actividade durante o exercicio 2014.

 

 

-   NOVAS ACTIVIDADES

 

Cando se trate de novas actividades iniciadas durante 2013 ou 2014, indicarase o ano de inicio, sempre que concorran as seguintes circunstancias:

 

a)   Que se trate de novas actividades cuxo exercicio se iniciase a partir do 1 de xaneiro de 2013.

 

b)   Que non se trate de actividades de temporada.

 

c)   Que non se exercesen anteriormente baixo outra titularidade ou cualificación.

 

d)   Que se realicen en local ou establecemento dedicados exclusivamente á nova actividade, con total separación do resto das actividades empresariais ou profesionais que, se é o caso, puidese realizar o contribuínte.

 

 

-   INCREMENTO DE CADRO DE PERSOAL

 

Aumentou en 2014 o número de persoas asalariadas na actividade con respecto a 2013?

 

Co obxecto de que o programa realice correctamente o cálculo da "minoración por incentivos ao emprego", sinale se se produciu un incremento do número de persoas asalariadas, comparando a situación existente o 31 de decembro de 2014 con respecto á situación na mesma data do ano 2013. Así mesmo, enténdese que houbo incremento de cadro de persoal se nalgún momento durante o ano 2014 se dispuxo de maior número de persoas asalariadas, en termos absolutos, en comparación co número máximo das existentes en calquera día do ano 2013.

 

Para estes efectos non se terán en conta os traballadores que non se deban computar como persoal asalariado.

 

 

-   EXERCE A ACTIVIDADE NUN SÓ LOCAL OU SEN EL

 

Sinale se a actividade se exerce nun local como máximo.

 

 

-   INDIQUE O NÚMERO DE VEHÍCULOS AFECTOS Á ACTIVIDADE

 

Se dispón dalgún, sinale o número de vehículos afectos ao exercicio da actividade.

 

 

-   A CAPACIDADE DE CARGA DO VEHÍCULO É SUPERIOR A 1.000 KG

 

Se dispón dun só vehículo afecto á actividade, sinale se a súa capacidade de carga supera ou non 1.000 Kg.

 

 

-   MUNICIPIO ONDE SE EXERCE A ACTIVIVIDADE

 

Marque o que proceda segundo o número de habitantes do municipio onde se exerce a actividade.

 

O número de habitantes será o da poboación de dereito do municipio, constituída polo total dos residentes inscritos no padrón municipal de habitantes, presentes e ausentes.

Cando a actividade se exerza en varios municipios, indicarase o de maior poboación.

 

 

-   NÚMERO MÁXIMO DE EMPREGADOS QUE TRABALLARON SIMULTANEAMENTE EN 2014

 

Deberá consignarse o número máximo de persoas asalariadas que traballaron na actividade simultaneamente en calquera momento do ano, sen incluír aqueles traballadores que non se deban computar como persoal asalariado.

 

-   SE A ACTIVIDADE NON É DE TEMPORADA E SE EXERCEU SÓ DURANTE UNHA PARTE DO ANO

 

Nos supostos de inicio da actividade despois do 1 de xaneiro ou de cesamento antes do 31 de decembro, deberá consignar o número de días en que exerceu a actividade, sen descontar os días de vacacións, os de descanso semanal nin os festivos.

-   SE EN 2014 A ACTIVIDADE SE REALIZOU EN LORCA (MURCIA)

 

Se no exercicio 2014 a actividade se realizou en Lorca, deberá seleccionar unha das seguintes claves:

1.   Actividade realizada exclusivamente en Lorca.

2.   Actividade realizada en Lorca e noutros municipios.

 

 

Se selecciona a clave 2, deberá cubrir o recadro 140 e indicar o importe da redución que lle corresponda á parte do rendemento neto reducido da actividade desenvolvida en Lorca. A redución aplicable será o 20 por 100 desa parte do rendemento neto reducido.

 

Se selecciona a clave 1, o programa calculará a redución e cubrirá o recadro 140.

 

-      NÚMERO DE BATEAS E DE BARCOS AUXILIARES DA EMPRESA (para a actividade de produción de mexillón en batea)

 

Deberá consignar o número que proceda dos relacionados, en función das bateas e barcos auxiliares cos que se desenvolva a actividade.

 

-      A ACTIVIDADE EXÉRCESE CON TRACTOCAMIÓN E CARÉCESE DE SEMIRREMOLQUE (para a actividade de transporte de mercadorías por estrada e servizos de mudanza)

 

Deberá sinalar o recadro correspondente se a actividade se realiza con tractocamións e o titular carece de semirremolques.

 

 

PAGAMENTOS FRACCIONADOS E RETENCIÓNS

 

Deberá consignar as retencións e ingresos á conta e os pagamentos fraccionados (modelo 131) correspondentes a todas as actividades económicas realizadas en estimación obxectiva na epígrafe N "Cálculo do imposto e Resultado da declaración" (recadros 593 e 598 da páxina 16 da declaración).