FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE ACTIVIDADES ECONÓMICAS > ACTIVIDADES AGRÍCOLAS, GANDEIRAS E FORESTAIS EN ESTIMACIÓN OBXECTIVA

INFORMACIÓN RELATIVA Á ACTIVIDADE

 

Unha vez seleccionada a clave da actividade realizada, ou pulsando a icona situada xunto a este recadro, aparece unha ventá de captura de datos que recolle a información adicional precisa para o cálculo do rendemento neto e, se é o caso, dos índices correctores aplicables.

 

Se se exerce a actividade a través dunha entidade en réxime de atribución de rendas, como as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens, herdanzas xacentes etc.) ou as sociedades civís, teñan ou non personalidade xurídica, non debe cubrir esta epígrafe. Deberá consignar o rendemento neto atribuído na epígrafe F "Réximes especiais" (páxina 8 da declaración).

 

 

-   UTILIZACIÓN EXCLUSIVA DE MEDIOS DE PRODUCIÓN ALLEOS

 

Para os efectos de que o programa aplique o índice corrector "por utilización exclusiva de medios de produción alleos" (0,75), sinalarase este recadro cando no desenvolvemento de actividades agrícolas se utilicen exclusivamente medios de produción alleos, sen ter en conta o solo, e salvo nos casos de parcería e figuras similares.

 

Polo tanto, o titular non debe traballar persoalmente na actividade (salvo para realizar as tarefas propias de dirección, organización e planificación desta), senón empregar integramente man de obra allea, e ademais todos os elementos da explotación distintos da terra deben ser achegados por terceiros.

 

 

-   PENSOS ADQUIRIDOS A TERCEIROS

 

Cando en actividades gandeiras se alimente o gando con pensos e outros produtos para a alimentación adquiridos a terceiros, que representen máis do 50 por 100 do importe dos consumidos aplicaranse os seguintes índices correctores:

 

-        Índice 0,95 para actividades de explotación intensiva de gando porcino de carne e avicultura.

-        Índice 0,75 para as restantes actividades.

 

Para os efectos deste índice, a valoración do importe dos pensos e doutros produtos propios efectuarase segundo o seu valor de mercado.

 

 

-   CUSTO DE PERSOAL ASALARIADO

 

Para os efectos de que o programa calcule o índice corrector "por utilización de persoal asalariado", indique a contía aboada en concepto de gastos de persoal, é dicir, remuneracións de toda índole e cargas sociais do persoal asalariado.

 

O índice corrector "por utilización de persoal asalariado" non será aplicable cando o sexa o índice "por utilización exclusiva de medios de produción alleos".

 

 

-   AGRICULTURA ECOLÓXICA

 

Aplicarase o índice corrector 0,95 cando a produción cumpra os requisitos establecidos na normativa legal vixente das correspondentes comunidades autónomas, pola que asumen o control deste tipo de produción de acordo co Real decreto 1852/1993, do 22 do outubro, sobre produción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos produtos agrarios e alimenticios (BOE do 26 de novembro) e o Regulamento (CEE) 2092//91 do Consello, do 24 de xuño de 1991.

 

Este recadro só se deberá marcar cando a totalidade dos ingresos obtidos procedan de produtos agrícolas ecolóxicos no sentido exposto.

 

 

-   ÍNDICE POR CULTIVOS EN TERRAS DE REGADÍO QUE UTILICEN, PARA TAL EFECTO, ENERXÍA ELÉCTRICA

 

Para os efectos de que o programa aplique o índice corrector "por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica" sinalarase este recadro cando se cumpran os seguintes requisitos:

 

Aplicarase o índice corrector 0,80 cando os cultivos se realicen, en todo ou en parte, en terras de regadío e o consumo medio diario, en termos de enerxía facturada en KWh, da factura do mes do período impositivo con maior consumo sexa, polo menos, 2,5 veces superior ao  correspondente á de dous meses do mesmo período impositivo, sempre que o contribuínte, ou a  comunidade de regantes na que participe, estea inscrito no rexistro territorial correspondente á oficina xestora de impostos especiais.

Cando non sexa posible delimitar o dito rendemento, este índice aplicarase sobre o resultado de multiplicar o rendemento procedente de todos os cultivos pola porcentaxe que supoña a superficie dos cultivos en terras de regadío que utilicen, para tal fin, enerxía eléctrica sobre a superficie total da explotación agrícola.

 

 

-   ÍNDICE APLICABLE A DETERMINADAS ACTIVIDADES FORESTAIS

 

Aplicarase o índice corrector 0,80 cando se exploten terreos forestais xestionados de acordo con plans técnicos de xestión forestal, ordenación de montes, plans dasocráticos ou plans de repoboación forestal aprobados pola autoridade forestal competente, sempre que o período de produción medio, segundo a especie de que se trate, determinado en cada caso pola Administración forestal competente, sexa igual ou superior a vinte anos.

 

Atención: ás actividades forestais unicamente lles poderá resultar de aplicación este índice corrector.

 

Este recadro só se deberá marcar cando a totalidade dos ingresos obtidos proceda de predios e especies forestais que cumpran os requisitos expostos.

 

Cando unha parte da produción forestal cumpra os requisitos e outra parte non, deberán separarse os ingresos procedentes dunha e doutra; e cada sector incluirase no programa como se se tratase dunha actividade independente.

 

 

-   PRIMEIRA INSTALACIÓN NUNHA EXPLOTACIÓN AGRARIA PRIORITARIA

 

De conformidade co artigo 20 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias (BOE do 5 de xullo), os agricultores novos (maiores de 18 anos e menores de 40 anos) ou asalariados agrarios poderán reducir o rendemento neto de módulos nun 25 por 100 nos períodos impositivos cerrados durante os cinco anos seguintes á primeira instalación como titulares dunha explotación prioritaria, sempre que, ademais, acrediten a realización dun plan de mellora da explotación.

 

 

PAGAMENTOS FRACCIONADOS E RETENCIÓNS

 

Deberá consignar as retencións e ingresos á conta e os pagamentos fraccionados (modelo 131) correspondentes a todas as actividades económicas realizadas en estimación obxectiva na epígrafe N "Cálculo do imposto e resultado da declaración" (recadros 592 e 598 da páxina 16 da declaración).