FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DE ACTIVIDADES ECONÓMICAS > CUESTIÓNS XERAIS

INDIVIDUALIZACIÓN (art. 11.4 da lei)

 

Os rendementos das actividades económicas consideraranse obtidos por aqueles que realicen de forma habitual, persoal e directa a ordenación por conta propia dos medios de produción e os recursos humanos afectos ás actividades.

Presumirase, salvo proba en contrario, que os ditos requisitos concorren nos que figuren como titulares das actividades económicas.

 

 

PRESTACIÓNS ENTRE MEMBROS DA UNIDADE FAMILIAR

 

1-   Rendementos do traballo (art. 30.2 da lei)

 

Cando resulte debidamente acreditado, co oportuno contrato laboral e a afiliación ao réxime correspondente da Seguridade Social, que o cónxuxe ou os fillos menores do contribuínte que convivan con el traballan habitualmente e con continuidade nas actividades económicas desenvolvidas por este, deduciranse, para a determinación dos rendementos, as retribucións estipuladas con cada un deles, sempre que non sexan superiores ás de mercado correspondentes á súa cualificación profesional e traballo desempeñado.

 

As ditas cantidades consideraranse obtidas polo cónxuxe ou os fillos menores en concepto de rendementos de traballo para todos os efectos tributarios.

 

 

2-   Cesións de bens ou dereitos (art. 30.3 da lei)

 

Cando o cónxuxe ou os fillos menores do contribuínte que convivan con el realicen cesións de bens ou dereitos que sirvan ao obxecto da actividade económica de que se trate, deducirase, para a determinación dos rendementos do titular da actividade, a contraprestación estipulada, sempre que non exceda do valor de mercado e, a falta daquela, poderá deducirse a correspondente a este último.

 

A contraprestación ou o valor de mercado consideraranse rendementos do capital do cónxuxe ou os fillos menores para todos os efectos tributarios.

O disposto nesta regra non será de aplicación cando se trate de bens e dereitos que sexan comúns a ambos os cónxuxes.