FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > COTA LÍQUIDA E COTA RESULTANTE DA AUTOLIQUIDACIÓN

INCREMENTO DA COTA LÍQUIDA POR PERDA DO DEREITO A DETERMINADAS DEDUCIÓNS DE EXERCICIOS ANTERIORES (art. 59 do regulamento)

 

Cando en períodos impositivos posteriores ao da súa aplicación se perda o dereito, en todo ou en parte, ás deducións practicadas, o contribuínte estará obrigado a lles sumar á cota líquida estatal e á cota líquida autonómica ou complementaria xeradas no exercicio en que se incumprisen os requisitos as cantidades indebidamente deducidas máis os xuros de mora que correspondan.

 

Deberán distinguirse as seguintes posibilidades no reintegro de deducións:

-   Deducións xerais da cota correspondentes aos exercicios 1996 e anteriores

Nestes exercicios non estaba vixente o actual sistema de financiamento autonómico, establecido pola Lei 14/1996 e, polo tanto, o importe das deducións indebidas, xunto cos xuros de mora, engadirase integramente á cota líquida estatal.

 

-   Deducións xerais da cota correspondentes aos exercicios 1997 a 2012

Deberá distinguirse:

a) Deducións xerais da cota correspondentes aos exercicios 1997 a 2001

Engadiráselle á cota líquida estatal o 85 por 100 das deducións indebidamente practicadas, xunto cos xuros de mora, e á cota líquida autonómica ou complementaria, o 15 por 100 restante, máis os seus correspondentes xuros, posto que esas eran as porcentaxes de participación vixentes neses exercicios.

b) Deducións xerais da cota correspondentes aos exercicios 2002 a 2008

Engadiráselle á cota líquida estatal o 67 por 100 das deducións indebidamente practicadas, xunto cos xuros de mora, e á cota líquida autonómica ou complementaria, o 33 por 100 restante, máis os correspondentes xuros de mora.

c) Deducións xerais da cota dos exercicios 2009 e 2012

Engadiráselle á cota líquida estatal o 50 por 100 das deducións indebidamente practicadas, xunto cos xuros de mora, e á cota líquida autonómica ou complementaria, o 50 por 100 restante, máis os correspondentes xuros de mora.

d) Deducións por investimento en vivenda habitual dos exercicios 2002 a 2012

O importe do tramo estatal da dedución indebida (máis os xuros de demora) aplicarase a incrementar a cota líquida estatal e o importe do tramo autonómico (máis os xuros de demora) aplicarase a incrementar a cota autonómica ou complementaria.

 

-   Deducións autonómicas da cota correspondentes aos exercicios 1998 a 2012

Engadiráselle á cota líquida autonómica ou complementaria a totalidade das deducións indebidamente practicadas, xunto cos xuros de mora.

 

A partir do 1 de xaneiro de 2013 suprimiuse a dedución por adquisición de vivenda, Non obstante, establécese un réxime transitorio de dedución por investimento en vivenda habitual (DT décimo oitava).

 

Respecto dos contribuíntes que depositasen cantidades en conta vivenda con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013:

     

Non poderán aplicar a partir do 1 de xaneiro de 2013 o réxime transitorio da dedución por vivenda.

 

Non perden as deducións practicadas en exercicios anteriores, que seguen vinculadas ao cumprimento de todos os requisitos das contas vivenda vixentes no momento en que se practicaron tales deducións para consolidarse.

 

 

FORMA DE CUBRIR

 

-   IMPORTE DAS DEDUCIÓNS INDEBIDAS

Consignarase o importe das deducións practicadas en exercicios anteriores cando se perdese o dereito á dedución no ano 2013 como consecuencia do incumprimento de calquera dos requisitos establecidos para a súa aplicación.

Para as deducións xerais de 1997 a 2013, deberá distinguir a parte correspondente ao tramo estatal e ao tramo autonómico da dedución de acordo coas regras citadas no parágrafo anterior.

 

-   XUROS DE MORA

Farase constar o importe dos xuros de mora correspondentes ás deducións indebidamente practicadas que se incluíron no parágrafo anterior, distinguindo os correspondentes ao tramo estatal e ao tramo autonómico da dedución.

O programa tamén prevé unha opción de cálculo dos xuros a través dunha ventá de captura de datos, na que se recolle a seguinte información:

•    "Data final" (data para os efectos de cálculo): indicarase a data na que vai presentar a declaración do exercicio 2013.

•    "Exercicio": deberá facer constar o exercicio correspondente á declaración na que se practicou a dedución cuxos requisitos se incumpriron no ano 2013.

•    "Importe": indicarase o importe da dedución indebidamente practicada.

•    "Para ingresar/Para devolver": sinale o resultado da declaración na que se practicou a dedución (I ou D).

•    "Data de inicio":

a)   Declaracións para ingresar: se a declaración foi para ingresar, o propio programa reflicte a data de inicio para o cómputo dos xuros, que será a do vencemento do prazo de declaración do exercicio de que se trate.

b)   Declaracións para devolver: se a declaración na que se practicou a dedución foi para devolver, deberá indicarse nesta epígrafe a data en que se obtivo a devolución.

 

No caso particular de que o importe da devolución percibida fose inferior ao importe da dedución que se restitúe, deberá desagregarse esta última en dúas partes:

1-   Por un lado, ata a contía da devolución, indicando como data de inicio aquela en que se obtivo a devolución.

2-   E por outro, o exceso da dedución indebida sobre o importe da devolución, indicando como data de inicio a do vencemento do prazo de declaración do exercicio de que se trate:

 

DECLARACIÓN         VENCEMENTO

 Exercicio 1997              22-06-1998

 Exercicio 1998              21-06-1999

 Exercicio 1999             20-06-2000

 Exercicio 2000             20-06-2001

 Exercicio 2001             01-07-2002

 Exercicio 2002             30-06-2003

 Exercicio 2003             01-07-2004

 Exercicio 2004             30-06-2005

 Exercicio 2005             30-06-2006

 Exercicio 2006             02-07-2007

 Exercicio 2007             30-06-2008

 Exercicio 2008             30-06-2009

 Exercicio 2009             30-06-2010

Exercicio 2010               30-06-2011

Exercicio 2011               02-07-2012

Exercicio 2012               01-07-2013

 

 

 

(NOTA: o programa reflicte a data de vencemento do prazo de declaración se na epígrafe "Para ingresar/Para devolver" se sinala I).