Unha vez dada de alta unha nova declaración, existe a posibilidade de incorporar á declaración os datos fiscais e persoais que a AEAT posúe do contribuínte.
Se a declaración corresponde a unha unidade familiar, débese seleccionar para que contribuínte se desexa obter o ficheiro de datos fiscais e débese tratar sempre en primeiro lugar o ficheiro do primeiro declarante.
A continuación, o programa, logo de cubrir o primeiro apelido, enlaza co servizo de solicitude de datos fiscais dispoñible na páxina web da AEAT. Para a descarga do ficheiro de datos fiscais, é necesaria unha conexión a internet e dispoñer:
- de DNI electrónico ou dun certificado de sinatura electrónica admitido pola AEAT (por exemplo, o expedido pola FNMT),
- de clave de acceso mediante rexistro previo (Cl@ve PIN),
- do número de referencia dalgún dos produtos fiscais expedidos pola AEAT para o exercicio 2014 (por exemplo, o borrador ou os datos fiscais recibidos por correo).
Este procedemento conclúe coa descarga dun ficheiro .df que contén a información fiscal dispoñible nese momento. Debe terse en conta que a devandita información se actualiza regularmente, polo que podería variar ao longo da campaña.
Posteriormente, débese marcar a opción de incorporación de datos fiscais ao programa de axuda e pulsar o botón "Paso 2: continuar" e abrir o ficheiro que se acaba de descargar desde internet ou un ficheiro descargado previamente cuxa situación, por defecto, é C:\AEAT\RENT2014\, e cuxo nome está formado polos 8 primeiros caracteres do NIF e a extensión .df. Unha vez aberto o ficheiro, accédese ao asistente de incorporación de datos fiscais, onde se mostran en sucesivas ventás os datos fiscais agrupados por conceptos. Como norma xeral, todos os datos fiscais deben incorporarse á declaración, pero determinadas características permiten agrupalos en tres tipos de datos que requiren distintos tratamentos:
Datos directamente trasladables: son aqueles que non requiren ningunha información complementaria para poder ser incorporados á declaración. O recadro "TRASLADAR" correspondente está habilitado como opción por defecto.
Datos que necesitan acompañarse dalgún tipo de información complementaria sen a cal non poden incorporarse automaticamente á declaración: o recadro "TRASLADAR" correspondente non está habilitado como opción por defecto. Ao marcar o recadro "TRASLADAR", aparece unha ventá para incluír datos adicionais que se debe cubrir para poder trasladar ese concepto á declaración.
Datos que pola súa natureza non son directamente trasladables á declaración, polo tanto, non posúen asociado o recadro de "TRASLADAR" e mostran os datos en cor vermella. Estes datos simplemente teñen carácter informativo e non son trasladables automaticamente á declaración.
O recadro "TRASLADAR" permite, ademais, mediante a súa inhabilitación, evitar a incorporación daqueles datos fiscais con cuxa imputación non estea de acordo o contribuínte ou que considere non procedentes en relación coa súa declaración do IRPF.
Unha vez finalizado o asistente de incorporación de datos fiscais, aparece unha listaxe cos conceptos trasladados e outra cos non trasladados.
A devandita listaxe poderase consultar sempre que se queira desde o menú “Ver->Datos fiscais incorporados”.
NOTA IMPORTANTE
Se desexa obter unha información máis exhaustiva sobre o procedemento de incorporación de datos fiscais, pode consultar o documento R2014DF.pdf que atopa na páxina web da Axencia Tributaria (http://www.agenciatributaria.es).