As ganancias e perdas patrimoniais imputaranse ao período impositivo en que teña lugar a alteración patrimonial.
REGRAS ESPECIAIS
a) Rendas pendentes de resolución xudicial: cando non se aboase a totalidade ou parte dunha renda, por encontrarse pendente de resolución xudicial a determinación do dereito á súa percepción ou á súa contía, os importes non satisfeitos imputaranse ao período impositivo en que aquela adquira firmeza.
b) Operacións a prazos ou con prezo aprazado: no caso de operacións a prazos ou con prezo aprazado, o contribuínte poderá optar por imputar proporcionalmente as rendas obtidas en tales operacións, a medida que se fagan esixibles os cobramentos correspondentes. Consideraranse operacións a prazos ou con prezo aprazado aquelas cuxo prezo se perciba, total ou parcialmente, mediante pagamentos sucesivos, sempre que o período transcorrido entre a entrega ou a posta á disposición e o vencemento do último prazo sexa superior ao ano.
Cando o pagamento dunha operación a prazos ou con prezo aprazado se instrumentase, en todo ou en parte, mediante a emisión de efectos cambiarios e estes fosen transmitidos en firme antes do seu vencemento, a renda imputarase ao período impositivo da súa transmisión.
En ningún caso terán este tratamento, para o transmisor, as operacións derivadas de contratos de rendas vitalicias ou temporais.
Cando se transmitan bens e dereitos a cambio dunha renda vitalicia ou temporal, a ganancia ou perda patrimonial para o rendeiro imputarase ao período impositivo en que se constitúa a renda.
c) Diferenzas de cambio en moeda estranxeira: as diferenzas positivas ou negativas que se produzan nas contas representativas de saldos en divisas ou en moeda estranxeira, como consecuencia da modificación experimentada nas súas cotizacións, imputaranse no momento do cobramento ou do pagamento respectivo.
d) Axudas públicas por defectos estruturais: as axudas públicas percibidas como compensación polos defectos estruturais de construción da vivenda habitual e destinadas á súa reparación poderán imputarse por cuartas partes no período impositivo no que se obteñan e nos tres seguintes.
e) Axudas públicas para acceso por primeira vez á vivenda en propiedade (AEDE): cando se reciban axudas públicas incluídas no ámbito dos plans estatais para o acceso por primeira vez á vivenda en propiedade, percibidas polos contribuíntes mediante pagamento único en concepto de axuda estatal directa á entrada (AEDE), poderán imputarse por cuartas partes no período impositivo no que se obteñan e nos tres seguintes.
f) Axudas públicas para a conservación e rehabilitación de bens de interese cultural. Imputaranse por cuartas partes no período impositivo no que se obteñan e nos tres seguintes as axudas públicas outorgadas polas administracións competentes aos titulares de bens integrantes do patrimonio histórico español inscritos no Rexistro xeral de bens de interese cultural a que se refire a Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, e destinadas exclusivamente á súa conservación ou rehabilitación, sempre que se cumpran as esixencias establecidas na dita lei, en particular respecto dos deberes de visita e exposición pública dos ditos bens.
No suposto de que o contribuínte perda a súa condición por cambio de residencia, todas as rendas pendentes de imputación deberán integrarse na base impoñible correspondente ao último período impositivo que se deba declarar por este imposto, nas condicións que se fixen regulamentariamente, practicándose, se é o caso, autoliquidación complementaria, sen sanción nin xuros de mora nin recarga ningunha.
No caso de falecemento do contribuínte, todas as rendas pendentes de imputación deberán integrarse na base impoñible do último período impositivo que se deba declarar.
RENDAS PENDENTES DE IMPUTACIÓN (art. 63 do regulamento)
1- Perda da condición de contribuínte por cambio de residencia
No suposto de que o contribuínte perda a súa condición por cambio de residencia, todas as rendas pendentes de imputación deberán integrarse na base impoñible correspondente ao último período impositivo que se deba declarar por este imposto, e practicarase, se é o caso, unha autoliquidación complementaria, sen sanción nin xuros de mora nin recarga ningunha.
2- Falecemento do contribuínte
No caso de falecemento do contribuínte todas as rendas pendentes de imputación deberán integrarse na base impoñible do último período impositivo que se deba declarar.