REGRA XERAL
Os rendementos do traballo, tanto os ingresos como os gastos, impútanse ao período impositivo en que sexan esixibles polo seu perceptor.
REGRAS ESPECIAIS
a) Cando non se satisfixese a totalidade ou parte dunha renda, por encontrarse pendente de resolución xudicial a determinación do dereito á súa percepción ou a súa contía, os importes non satisfeitos imputaranse ao período impositivo en que aquela adquira firmeza.
b) Cando por circunstancias xustificadas non imputables ao contribuínte, os rendementos derivados do traballo se perciban en períodos impositivos distintos a aqueles en que foron esixibles, imputaranse a estes, practicándose, se é o caso, autoliquidación complementaria, sen sanción nin xuros de mora nin recarga ningunha.
Cando concorran as circunstancias previstas na alínea a) anterior, os rendementos consideraranse esixibles no período impositivo en que a resolución xudicial adquira firmeza.
A declaración presentarase no prazo que media entre a data en que se perciban e o final do inmediato seguinte prazo de declaracións polo imposto.
c) Na medida en que non estea exenta, a prestación por desemprego percibida na súa modalidade de pagamento único de acordo co establecido na normativa laboral, poderá imputarse en cada un dos períodos impositivos en que, de non ter mediado o pagamento único, se tivese dereito á prestación.
A dita imputación efectuarase en proporción ao tempo que en cada período impositivo se tivese dereito á prestación de non ter mediado o pagamento único.