GASTOS NON DEDUCIBLES (art. 14 da Lei do imposto sobre sociedades)
Non terán a consideración de gastos fiscalmente deducibles:
- As multas e sancións penais e administrativas, a recarga de constrinximento e a recarga por presentación fóra de prazo de declaracións-liquidacións e autoliquidacións.
- Os donativos e liberalidades
Non se consideran donativos e liberalidades os gastos por relacións públicas con clientes ou provedores nin os que, conforme os usos e costumes, se efectúen con respecto ao persoal da empresa, nin os realizados para promover, directa ou indirectamente, a venda de bens e prestación de servizos, nin os que se encontren correlacionados cos ingresos.
- As dotacións a provisións ou fondos internos para a cobertura de continxencias idénticas ou análogas ás que son obxecto dos plans de pensións.
- As achegas a mutualidades de previsión social do propio empresario ou profesional, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de redución da parte xeral da base impoñible.
Non obstante, terán a consideración de gasto deducible as cantidades aboadas en virtude de contratos de seguro concertados con mutualidades de previsión social por profesionais non integrados no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos, cando, para os efectos de dar cumprimento á obriga prevista na alínea 3 da disposición transitoria quinta e na disposición adicional décimo quinta da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, actúen como alternativas ao réxime especial da Seguridade Social mencionado, na parte que teña por obxecto a cobertura de continxencias atendidas pola Seguridade Social, co límite de 4.500 euros anuais (art. 30.1 da lei).
- Os gastos de servizos correspondentes a operacións realizadas, directa ou indirectamente, con persoas ou entidades residentes en países ou territorios cualificados regulamentariamente polo seu carácter de paraísos fiscais, ou que se paguen a través de persoas ou entidades residentes nestes, salvo que se probe que o gasto responde a unha operación ou transacción efectivamente realizada.
- Os gastos de persoal que correspondan a indemnizacións derivadas da extinción da relación laboral, común ou especial, ou da relación mercantil, de administradores ou membros dos consellos de administración, das xuntas que fagan as súas veces e demais membros doutros órganos representativos, producidas desde o 1 de xaneiro de 2013, cando superen, para cada perceptor, o maior dos seguintes importes:
a) 1.000.000 de euros.
b) O importe que resulte exento no IRPF, por despedimento ou cesamento do traballador.