GASTOS DEDUCIBLES DOS RENDEMENTOS DE CAPITAL INMOBILIARIO (art. 13 do regulamento)
Terán a consideración de gasto deducible para a determinación do rendemento neto do capital inmobiliario todos os gastos necesarios para a súa obtención.
En particular, consideraranse incluídos, entre outros, os seguintes:
a) Os xuros dos capitais alleos investidos na adquisición ou mellora do ben, dereito ou facultade de uso ou aproveitamento do que procedan os rendementos e demais gastos de financiamento, así como os gastos de conservación e reparación.
Para estes efectos, terán a consideración de gastos de reparación e conservación:
• Os efectuados regularmente coa finalidade de manter o uso normal dos bens materiais, como o pintado, a revocadura ou o arranxo de instalacións.
• Os de substitución de elementos, como instalacións de calefacción, ascensor, portas de seguridade ou outros.
Non serán deducibles por este concepto as cantidades destinadas a ampliación ou mellora.
IMPORTANTE
O importe total que se pode deducir por estes gastos non poderá exceder, para cada ben ou dereito, da contía dos rendementos íntegros obtidos.
O exceso poderá deducirse nos catro anos seguintes, sen que poida exceder, conxuntamente cos gastos por estes mesmos conceptos correspondentes a cada un destes anos, da contía dos rendementos íntegros obtidos en cada un destes, para cada ben ou dereito.
b) Os tributos e recargas non estatais, así como as taxas e recargas estatais, calquera que sexa a súa denominación, sempre que incidan sobre os rendementos computados ou sobre os bens ou dereitos produtores destes e non teñan carácter sancionador.
c) As cantidades xeradas por terceiros en contraprestación directa ou indirecta ou como consecuencia de servizos persoais, tales como os de administración, vixilancia, portería ou similares.
d) Os ocasionados pola formalización do arrendamento, subarrendamento, cesión ou constitución de dereitos e os de defensa de carácter xurídico relativos aos bens, dereitos ou rendementos.
e) Os saldos de dubidoso cobramento, sempre que esta circunstancia quede suficientemente xustificada. Entenderase cumprido este requisito:
1- Cando o debedor se atope en situación de concurso.
2- Cando entre o momento da primeira xestión de cobramento realizada polo contribuínte e o da finalización do período impositivo transcorresen máis de seis meses, e non se producise unha renovación de crédito.
Cando un saldo dubidoso fose cobrado posteriormente á súa dedución, computarase como ingreso no exercicio en que se produza o dito cobramento.
f) O importe das primas de contratos de seguro, ben sexan de responsabilidade civil, incendio, roubo, rotura de cristais ben outros de natureza análoga, sobre os bens ou dereitos produtores dos rendementos.
g) As cantidades destinadas a servizos ou subministracións.
h) As cantidades destinadas á amortización nas condicións establecidas no artigo regulamentariamente.