FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DERIVADOS DE INMOBLES > RENDEMENTOS DE CAPITAL INMOBILIARIO

GASTOS DEDUCIBLES (art. 23.1 da lei)

 

Para a determinación do rendemento neto, deduciranse dos rendementos íntegros os gastos seguintes:

a)   Todos os gastos necesarios para a obtención dos rendementos. Consideraranse gastos necesarios para a obtención dos rendementos, entre outros, os seguintes:

-   Os xuros dos capitais alleos investidos na adquisición ou mellora do ben, dereito ou facultade de uso e aproveitamento do que procedan os rendementos, e demais gastos de financiamento, así como os gastos de reparación e conservación do inmoble.

O importe total que se pode deducir por estes gastos non poderá exceder para cada ben ou dereito da contía dos rendementos íntegros obtidos. O exceso poderá deducirse nos catro anos seguintes.

-   Os tributos e recargas non estatais, así como as taxas e recargas estatais, calquera que sexa a súa denominación, sempre que incidan sobre os rendementos computados ou sobre o ben ou dereito produtor daqueles e non teñan carácter sancionador.

-   Os saldos de dubidoso cobramento nas condicións que se establezan regulamentariamente.

-   As cantidades xeradas por terceiros como consecuencia de servizos persoais.

b)   As cantidades destinadas á amortización do inmoble e dos demais bens cedidos con este, sempre que respondan á súa depreciación efectiva, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

Tratándose de inmobles, enténdese que a amortización cumpre o requisito de efectividade se non excede do resultado de aplicar o 3 por 100 sobre o maior dos seguintes valores:

-   O custo de adquisición (sen incluír o valor do solo).

-   O valor catastral (sen incluír o valor do solo).

No suposto de rendementos derivados da titularidade dun dereito ou facultade de uso ou aproveitamento, será igualmente deducible en concepto de depreciación, co límite dos rendementos íntegros, a parte proporcional do valor de adquisición satisfeito, nas condicións que regulamentariamente se determinen.