GANANCIAS PATRIMONIAIS DERIVADAS DE ELEMENTOS ADQUIRIDOS ANTES DO 31-12-1994 (DT novena da lei)
Ás ganancias patrimoniais derivadas da transmisión de elementos patrimoniais non afectos a actividades económicas, adquiridos antes do 31 de decembro de 1994, seranlles aplicables os coeficientes redutores establecidos na anterior normativa do imposto (DT oitava, alínea 2, regras 2 e 4 da Lei 18/1991).
Para estes efectos, consideraranse elementos patrimoniais non afectos a actividades económicas aqueles nos que a desafectación destas actividades se producise con máis de tres anos de antelación á data de transmisión..
Deberá distinguirse a parte da ganancia que se xerou con anterioridade ao 20 de xaneiro de 2006 da xerada a partir desta data.
A) Ganancia xerada ata o 19 de xaneiro de 2006.
A aplicación dos coeficientes redutores lévase a cabo da seguinte forma:
1. Determínase para cada elemento a ganancia ou perda de acordo coas regras que sexan aplicables en cada caso.
2. Se o resultado é unha perda patrimonial, non será obxecto de redución.
3. No caso de ganancias patrimoniais, o seu importe reducirase da seguinte maneira:
a) Tomarase como período de permanencia no patrimonio do suxeito pasivo o número de anos que medie entre a data de adquisición do elemento e o 31 de decembro de 1996, redondeado por exceso.
No caso de dereitos de subscrición, tomarase como período de permanencia o que corresponda aos valores dos cales procedan.
Se se efectuasen melloras nos elementos patrimoniais transmitidos, tomarase como período de permanencia destas no patrimonio do suxeito pasivo o número de anos que medie entre a data en que se realizasen e o 31 de decembro de 1996, redondeado por exceso.
b) Se os elementos patrimoniais transmitidos fosen bens inmobles, dereitos sobre estes ou valores das entidades comprendidas no artigo 108 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, con excepción das accións ou participacións representativas do capital social ou patrimonio das sociedades ou fondos de investimento inmobiliario, a ganancia patrimonial reducirase nun 11,11 por 100 por cada ano de permanencia que exceda de dous.
Estarán non suxeitas as ganancias patrimoniais derivadas destes elementos cando o 31 de decembro de 1996 tivesen un período de permanencia superior a dez anos (adquiridos antes do 31-12-1986).
c) Se os elementos patrimoniais transmitidos fosen accións admitidas a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, relativa aos mercados de instrumentos financeiros, e representativas da participación en fondos propios de sociedades ou entidades, con excepción das accións representativas do capital social de sociedades de investimento mobiliario e inmobiliario, a ganancia patrimonial reducirase nun 25 por 100 por cada ano de permanencia que exceda de dous.
Estarán non suxeitas as ganancias patrimoniais derivadas destes elementos cando o 31 de decembro de 1996 tivesen un período de permanencia superior a cinco anos (adquiridos antes do 31-12-1991).
d) As restantes ganancias patrimoniais reduciranse nun 14,28 por 100 por cada ano de permanencia que exceda de dous.
Estarán non suxeitas as ganancias patrimoniais derivadas destes elementos cando o 31 de decembro de 1996 tivesen un período de permanencia superior a oito anos (adquiridos antes do 31-12-1988).
4. Se se efectuasen melloras nos elementos patrimoniais transmitidos, distinguirase a parte do valor de alleamento que corresponda a cada compoñente deste para os efectos da aplicación do disposto nas regras anteriores.
B) Ganancia xerada a partir do 20 de xaneiro de 2006
A ganancia xerada a partir do 20 de xaneiro de 2006 non será obxecto de redución.