Declararanse neste apartado as ganancias e perdas patrimoniais obtidas polo contribuínte como consecuencia da transmisión ou o reembolso de accións e participacións en institucións de investimento colectivo (sociedades e fondos de investimento mobiliario e inmobiliario) cando estean suxeitas a retención.
Non se incluirán neste apartado:
As ganancias e perdas patrimoniais non suxeitas a retención derivadas do reembolso ou transmisión de participacións ou accións nos fondos e sociedades (fondos de investimento cotizados ou SICAV índice cotizadas) a que se refire o artigo 49 do regulamento da Lei 35/2003, do 4 de novembro, de institucións de investimento colectivo non se declararán neste apartado senón no apartado “Ganancias e perdas patrimoniais derivadas de accións admitidas a negociación en mercados oficiais”.
As ganancias e perdas patrimoniais derivadas da transmisión de accións de sociedades de investimento colectivo admitidas a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores españois ou en calquera outro dos definidos na Directiva 2004/39/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, non se declararán neste apartado senón no apartado "Ganancias e perdas patrimoniais derivadas de accións admitidas a negociación en mercados oficiais".
NIF DA SOCIEDADE OU FONDO DE INVESTIMENTO
Consignarase o NIF da sociedade de investimento cuxas accións se transmitiron ou do fondo de investimento cuxas participacións se transmitiron ou reembolsaron.
RESULTADOS (ganancias e perdas) OBTIDOS
Nestes apartados deberanse consignar as cantidades obtidas como ganancia patrimonial, separadamente das perdas patrimoniais.
Normalmente, o importe da ganancia ou perda figurará no certificado de retencións facilitado pola entidade xestora ou pola persoa ou entidade obrigada a reter.
- Retencións
Consignaranse as retencións practicadas ou ingresos a conta efectuados polas ganancias patrimoniais derivadas da transmisión ou reembolso de accións ou participacións das sociedades ou fondos de investimento, cantidades que o programa trasladará ao recadro 597 da páxina 16 da declaración.
OPERACIÓNS DE RECOMPRA DE VALORES HOMOXÉNEOS
Se a transmisión ou reembolso de accións ou participacións en sociedades ou fondos de investimento que non estean admitidos a negociación orixina unha perda e, ademais, se adquiriron valores homoxéneos nos prazos e condicións previstos no artigo 33.5, letra g) da Lei do imposto, a perda patrimonial non deberá computarse ata que se produza a posterior transmisión definitiva de valores homoxéneos adquiridos. Non obstante, a perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio en que se xerase aínda que non se integre para os efectos liquidatorios. A declaración e cuantificación desta perda non se realizará neste apartado senón no apartado "Ganancias e perdas patrimoniais derivadas da transmisión doutros elementos patrimoniais".