FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS > FORMA DE CUBRIR

G4 GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS DERIVADAS DA TRANSMISIÓN DE ELEMENTOS PATRIMONIAIS DE EXERCICIOS ANTERIORES (para integrar na base impoñible do aforro)

 

IMPUTACIÓN A 2014 DE GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS DE EXERCICIOS ANTERIORES

 

Incluiranse nesta epígrafe as seguintes ganancias e perdas patrimoniais producidas en exercicios anteriores:

-   Ganancias ou perdas patrimoniais pendentes de imputar por operacións a prazos

No caso de operacións a prazos ou con prezo aprazado, o contribuínte poderá optar por imputar proporcionalmente as rendas obtidas en tales operacións, a medida que se fagan esixibles os cobramentos correspondentes.

Na epígrafe que corresponda deste punto faranse constar as ganancias ou perdas patrimoniais, pendentes de imputar por operacións a prazos de exercicios anteriores, cuxo cobramento se producise, total ou parcialmente, no ano 2014.

-   Integración diferida de determinadas perdas por recompra

Se unha transmisión orixina perdas patrimoniais e os elementos patrimoniais transmitidos (ou valores homoxéneos) foron adquiridos novamente nos prazos e condicións previstos no artigo 33.5, alíneas e), f) e g) da Lei do imposto, a perda patrimonial non se pode computar ata que non se produza a posterior transmisión definitiva dos elementos patrimoniais (ou valores homoxéneos) readquiridos.

Cando resulte de aplicación este réxime, incluiranse nesta epígrafe as perdas patrimoniais que proceda integrar no ano 2014 por se producir neste exercicio a transmisión definitiva dos elementos patrimoniais (ou valores homoxéneos) readquiridos.

Esta integración das perdas procedentes de anos anteriores é independente da tributación que corresponda á ganancia ou perda orixinada como consecuencia da transmisión dos elementos patrimoniais (ou valores homoxéneos) readquiridos.

 

FORMA DE CUBRIR

 

IMPORTE DA GANANCIA OU PERDA PATRIMONIAL IMPUTABLE A 2014

-   Ganancias ou perdas patrimoniais pendentes de imputar por operacións a prazos

Consignarase a parte do importe da ganancia ou perda patrimonial imputable ao ano 2014 en función dos cobramentos que se producisen ou sexan esixibles no dito exercicio.

-   Integración diferida de determinadas perdas por recompra

Consignaranse as perdas patrimoniais que proceda integrar no ano 2014 por se producir neste exercicio a transmisión definitiva dos elementos patrimoniais ou valores homoxéneos readquiridos.