CUESTIÓNS XERAIS > DECLARACIÓN POLO IRPF

FORMA DE PRESENTACIÓN DAS DECLARACIÓNS

 

IMPRESOS OFICIAIS. MODELO D-100

 

As declaracións do IRPF presentaranse conforme o modelo D-100 aprobado oficialmente, asinado polo declarante (ou membros da unidade familiar maiores de idade, en declaración conxunta) e debidamente cubertos todos os datos que o afecten dos recollidos nestes.

 

 

PROGRAMAS DE AXUDA

 

Igualmente, serán válidas as declaracións e os seus correspondentes documentos de ingreso ou devolución subscritos polo declarante que se presenten nos modelos que, axustados aos contidos aprobados para estes, se xeren exclusivamente mediante a utilización do módulo de impresión desenvolvido, para estes efectos, pola Axencia Tributaria. Estas declaracións deberán presentarse nos sobres de retorno específicos para as declaracións realizadas mediante programas de axuda.

 

 ATENCIÓN:

 

Os datos impresos nestas declaracións e nos seus documentos de ingreso ou devolución, ou nas realizadas mediante a utilización do módulo de impresión desenvolvido pola Axencia Tributaria, prevalecerán sobre as alteracións ou correccións manuais que se puidesen efectuar, polo que estas non producirán efectos ante a Administración tributaria.

 

BORRADOR DE DECLARACIÓN E DATOS FISCAIS

 

A Axencia Tributaria remitirá o borrador da declaración do IRPF aos contribuíntes obrigados a presentar declaración que o solicitasen conforme o procedemento establecido para o efecto, sempre que as súas rendas procedan exclusivamente das seguintes fontes:

 

a)   Rendementos do traballo.

b)   Rendementos do capital mobiliario suxeitos a retención ou ingreso á conta, así como os derivados de letras do Tesouro.

c)   Imputación de rendas inmobiliarias sempre que procedan, como máximo, de oito inmobles.

d)   Ganancias patrimoniais sometidas a retención ou ingreso á conta, así como as subvencións para a adquisición de vivenda habitual.

e)   Perdas patrimoniais derivadas da transmisión ou reembolso a título oneroso de accións ou participacións representativas do capital ou patrimonio das institucións de investimento colectivo.

f)    Rendementos de capital mobiliario e inmobiliario obtidos por entidades en réxime de atribución de rendas, cando estes fosen atribuídos aos socios, herdeiros, comuneiros ou partícipes.

 

O borrador de declaración conterá, polo menos, os seguintes documentos:

 

a)   O borrador da declaración propiamente dito e a relación dos datos fiscais que serviron para o seu cálculo.

b)   O modelo 100 de confirmación do borrador da declaración, documento de ingreso ou devolución.

 

 

A falta de recepción do borrador de declaración non exonerará o contribuínte da súa obriga de presentar a declaración.

 

Cando a Administración tributaria careza da información necesaria para a elaboración do borrador de declaración, poñerá á disposición do contribuínte os datos que lle poidan facilitar a declaración do imposto.

 

 

DECLARACIÓNS REALIZADAS POLOS SERVIZOS DE AXUDA

 

As declaracións efectuadas a través dos servizos de axuda prestados nas oficinas da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) poderán presentarse, por opción do contribuínte, no dito acto nas citadas oficinas para a súa inmediata transmisión telemática á AEAT.

A pesar do anterior, se se trata de declaracións cuxo resultado sexa unha cantidade para ingresar, a súa presentación estará condicionada a que o contribuínte proceda no dito acto á domiciliación bancaria da totalidade do ingreso resultante ou do primeiro prazo, se o contribuínte optou polo fraccionamento do pagamento de acordo co artigo 13 da orde que aproba o modelo de declaración.

Tamén se poderán presentar desta forma as declaracións de cónxuxes non separados legalmente nas que un deles solicite a suspensión do ingreso e o outro manifeste a renuncia ao cobramento da devolución, calquera que sexa o resultado final das súas declaracións, para ingresar, para devolver ou negativo.

 

Para tal efecto, unha vez confeccionada a declaración, entregaránselle ao contribuínte, impresos, o exemplar para o interesado da súa declaración, así como dous exemplares, para a Administración e para o interesado, do resumo da declaración-documento de ingreso ou devolución, axustado ao modelo 100 aprobado pola orde que aproba os modelos de declaración do exercicio.

 

A entrega nas citadas oficinas do exemplar para a Administración do modelo 100, resumo da declaración-documento de ingreso ou devolución, debidamente asinado polo contribuínte e no que constarán os datos relativos á domiciliación do ingreso e, en caso de fraccionamento, as opcións de pagamento do segundo prazo ou, se é o caso, os correspondentes á solicitude da devolución por transferencia ou renuncia a esta, terá a consideración de presentación da declaración para todos os efectos. A continuación, entregaráselle ao contribuínte a declaración aceptada, así como o documento de ingreso ou devolución, modelo 100, nos que se deixará constancia da transmisión da declaración a través da intranet da AEAT, mediante un código seguro de verificación de 16 caracteres.

 

Este procedemento poderá ser igualmente aplicable ás declaracións efectuadas nas oficinas habilitadas polas comunidades autónomas, cidades con Estatuto de autonomía e entidades locais e que se presenten nestas para a súa inmediata transmisión telemática á AEAT.

 

 

PRESENTACIÓN TELEMÁTICA

 

A presentación das declaracións do IRPF tamén se poderá efectuar, con carácter voluntario, por vía telemática.

 

Non obstante, os contribuíntes que presenten declaración polo imposto sobre o patrimonio estarán obrigados a utilizar a vía telemática a través de internet para a presentación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.