FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS > FORMA DE CUBRIR > G6: EXENCIÓN POR REINVESTIMENTO: TRANSMISIÓN DA VIVENDA HABITUAL
FORMA DE CUBRIR G6

 

En todos os supostos de exención (total ou parcial) por reinvestimento en vivenda habitual, a epígrafe G6 deberá aparecer cuberta. Para iso deberá facilitar os datos necesarios na ventá de captura de datos correspondente ao valor de transmisión das ganancias e perdas patrimoniais da epígrafe G2 ou G3 da declaración, dependendo de se entre as datas de adquisición e transmisión transcorreu máis dun ano ou menos dun ano, e o programa trasladará a esta epígrafe os datos esixidos nesta.

 

Importante: cando o reinvestimento non se realice no mesmo ano do alleamento, o contribuínte estará obrigado a facer constar na declaración do imposto do exercicio no que se obteña a ganancia de patrimonio, a ganancia obtida e a súa intención de reinvestir nas condicións e prazos sinalados.

 

IMPORTE OBTIDO NA TRANSMISIÓN

O programa trasladará dos datos facilitados nas ventás correspondentes da epígrafe G2 ou G3 o importe obtido como consecuencia da transmisión da vivenda habitual.

 

GANANCIA PATRIMONIAL OBTIDA

O programa trasladará a este recadro a ganancia patrimonial obtida na transmisión da vivenda habitual, cuxo cálculo se terá realizado na epígrafe G4 da declaración.

  

IMPORTE REINVESTIDO ATA O 31-12-2014

Aparecerá reflectido o importe reinvestido durante o ano 2014 na adquisición dunha nova vivenda habitual.

O reinvestimento deberá efectuarse, dunha soa vez ou sucesivamente, nun período non superior a dous anos.

 

IMPORTE COMPROMETIDO A REINVESTIR

Aparecerá indicado o importe cuxo reinvestimento se compromete a efectuar nos dous anos seguintes á transmisión da vivenda anterior.

Entenderase que o reinvestimento se efectúa dentro de prazo cando a venda se efectuase a prazos ou con prezo aprazado, sempre que o importe dos prazos se destine á finalidade indicada dentro do período impositivo en que se vaian percibindo.

 

GANANCIA PATRIMONIAL EXENTA POR REINVESTIMENTO

Cando o importe total do valor de transmisión da vivenda habitual se reinvista na adquisición dunha nova vivenda habitual, quedará exenta a totalidade da ganancia producida pola dita transmisión.

En caso de que o importe do reinvestimento fose inferior ao total obtido no alleamento, soamente se excluirá de gravame a parte proporcional da ganancia patrimonial que corresponda á cantidade efectivamente investida, cálculo que se realizará na epígrafe G2 da declaración (páxina 9).