FORMA DE CUBRIR IRPF (I) > RENDEMENTOS DO TRABALLO PERSOAL

FORMA DE CUBRIR

 

A través dunha ventá de captura de datos debe facilitarse a seguinte información:

 

RETRIBUCIÓNS EN DIÑEIRO

 

 Farase constar o importe íntegro das retribucións en diñeiro percibidas, é dicir, antes de efectuar ningún desconto sobre elas, así como as retencións practicadas.

 

 

RETRIBUCIÓNS EN ESPECIE

 

No recadro "Valoración" farase constar o valor das retribucións en especie, sen incluír o "ingreso á conta" efectuado pola empresa, que se consignará separadamente no seu propio recadro.

 

Atención: as contribucións ou cantidades satisfeitas polo empresario a plans de pensións, plans de previsión social empresarial ou mutualidades de previsión social, que fosen imputadas ao contribuínte, consignaranse no parágrafo seguinte.

 

 

Ingresos á conta repercutidos ao traballador

 

Con carácter xeral, o "Ingreso íntegro" será a suma da "Valoración" e o "Ingreso á conta", salvo que o importe deste último fose repercutido ao perceptor.

 

Nese caso consignarase neste recadro o importe do ingreso á conta repercutido, co fin de que o programa non o acumule á valoración para determinar os ingresos íntegros.

 

 

CONTRIBUCIÓNS EMPRESARIAIS A PLANS DE PENSIÓNS, PLANS DE PREVISIÓN SOCIAL EMPRESARIAL E A MUTUALIDADES DE PREVISIÓN SOCIAL: importes que se imputan ao contribuínte

 

O programa permite cubrir este recadro exclusivamente cando se trate do declarante ou do cónxuxe, ou no suposto de fillo 1, fillo 2, fillo 3 ou fillo 4 cando se trate de contribucións empresariais a plans de pensións, plans de previsión social empresarial ou mutualidades de previsión social constituídos a favor de persoas con discapacidade (Clave 2. Réxime especial de persoas con discapacidade).

 

No parágrafo correspondente ao réxime de redución da base impoñible, indicarase a clave numérica que corresponda das recollidas a continuación:

1- Réxime xeral.

2- Réxime especial de persoas con discapacidade.

3- Réxime especial de mutualidades de deportistas profesionais e de alto nivel.

4- Réxime de redución das achegas do cónxuxe

 

Atención: as achegas ou cantidades satisfeitas polo propio traballador a estes plans de pensións, plans de previsión social empresarial ou mutualidades de previsión social, consignaranse na epígrafe "Reducións da base impoñible: achegas e contribucións a sistemas de previsión social".

 

As primas satisfeitas polo empresario a entidades aseguradoras como consecuencia de contratos de seguros colectivos para facer fronte aos compromisos por pensións co seu persoal, nos termos previstos na disposición adicional primeira do Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións, e que fosen imputadas ao contribuínte, non se consignarán nestes recadros senón na epígrafe "Retribucións en especie" anterior.

 

CONTRIBUCIÓNS EMPRESARIAIS A SEGUROS COLECTIVOS DE DEPENDENCIA: IMPORTE IMPUTADO AO CONTRIBUÍNTE

 

Neste recadro consignaranse as primas pagadas pola empresa como beneficiarios de seguros colectivos de dependencia.

 

 

ACHEGAS AO PATRIMONIO PROTEXIDO DE DISCAPACITADOS (art.17.2.k) da Lei do imposto)

 

Farase constar o importe das achegas recibidas polos contribuíntes discapacitados ao patrimonio protexido do que sexan titulares.

 

Estas achegas integraranse cos seguintes límites:

 

Cando os achegantes sexan contribuíntes do imposto sobre a renda das persoas físicas, terán a consideración de rendementos do traballo ata o importe de 10.000 euros anuais por cada achegante e 24.250 euros anuais en conxunto.

Así mesmo, e con independencia dos límites indicados no parágrafo anterior, cando os achegantes sexan suxeitos pasivos do imposto sobre sociedades, terán a consideración de rendementos do traballo sempre que fosen gasto deducible no imposto sobre sociedades co límite de 10.000 euros anuais.

Estes rendementos estarán exentos ata un importe máximo anual conxunto de tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (o IPREM para o ano 2014 é de 7.455,14 euros).

 

Non estará suxeita ao imposto sobre sucesións e doazóns a parte das achegas que teña para o perceptor a consideración de rendementos do traballo.

 

 

REDUCIÓNS ESPECIAIS (art. 18 e DT décimo primeira e décimo segunda da Lei do imposto)

 

Cando se incluísen entre os ingresos íntegros rendas de carácter irregular ás que lles resulte aplicable algunha das reducións previstas no artigo 18 e DT décimo primeira e décimo segunda da Lei do imposto, indicarase neste recadro o seu importe.

 

O importe da redución, se procede, deberá figurar no certificado de retencións facilitado pola empresa.

 

 

GASTOS DEDUCIBLES

 

Farase constar nestes recadros a contía dos gastos deducibles dos rendementos do traballo, consignándoos separadamente segundo os conceptos que aparecen na ventá.