Neste punto relacionaranse:
1. Os fillos que formen parte da unidade familiar e non obteñan rendas.
2. Os demais descendentes do "Primeiro declarante" e do "Cónxuxe" non integrados na unidade familiar pero que dean dereito á aplicación do mínimo familiar por descendentes.
IMPORTANTE:
Non deberán relacionarse neste punto os descendentes que non dean dereito á aplicación do mínimo por descendentes:
1. Os descendentes que perciban rendas anuais superiores a 8.000 euros, excluídas as exentas.
2. Os descendentes que presenten declaración polo imposto con rendas superiores a 1.800 euros.
Na ventá de captura de datos deberá facilitar a seguinte información:
- APELIDOS, NOME E NIF
Consignaranse os dous apelidos, o nome e o número de identificación fiscal de cada unha das persoas relacionadas.
Se algunha das ditas persoas carecese de NIF, deixarase este espazo en branco.
Atención: para poder imprimir os modelos oficiais, o programa esixe que se indique necesariamente o NIF dos descendentes maiores de 14 anos. A obtención do DNI é obrigatorio a partir de cumprir os 14 anos.
- DATA DE NACEMENTO
Indicarase o día, mes e ano de nacemento de cada unha das persoas relacionadas.
- VINCULACIÓN
Consignarase no recadro "Vinculación" a clave que corresponda das que se indican a continuación:
"A"= Fillo ou descendente común ao "Primeiro declarante" e ao "Cónxuxe" (ou persoa vinculada a ambos por razón de tutela ou acollemento).
No impreso de declaración non se visualizará ningunha clave no recadro "Vinculación".
"B"= Fillo ou descendente exclusivamente do "Primeiro declarante" (ou persoa vinculada unicamente ao "Primeiro declarante" por razón de tutela ou acollemento), sempre que, tratándose de fillos, estes non convivan tamén co outro proxenitor.
No impreso de declaración visualizarase a clave numérica 1 na declaración conxunta e na declaración individual do "Primeiro declarante".
"C"= Fillo ou descendente exclusivamente do "Cónxuxe" (ou persoa vinculada unicamente ao "Cónxuxe" por razón de tutela ou acollemento), sempre que, tratándose de fillos, estes non convivan tamén co outro proxenitor.
No impreso de declaración visualizarase a clave numérica 2 na declaración conxunta e a clave numérica 1 na declaración individual do "Cónxuxe".
"D"= Fillo do "Primeiro declarante" cando o dito fillo tamén convive co outro proxenitor. No caso de indicar esta clave D, deberá consignar tamén o NIF do outro proxenitor.
No caso de que o outro proxenitor carecese de DNI ou NIE, deberá marcar cunha X o recadro habilitado para o efecto.
Utilizarase esta clave nos seguintes supostos:
1. Se non existe matrimonio entrambos os proxenitores ou nos casos de separación legal ou divorcio cando ademais a garda e custodia dos fillos está compartida.
2. No suposto de que un dos proxenitores falecese no exercicio e os fillos convivisen con ambos os proxenitores ata a data do seu falecemento, o cónxuxe supérstite deberá consignar esta clave. Non obstante, na declaración do cónxuxe falecido deberá consignarse a clave "A".
No impreso de declaración visualizarase a clave numérica 3 na declaración conxunta e na declaración individual do "Primeiro declarante".
"E" = Fillo exclusivamente do "Cónxuxe" cando o dito fillo tamén convive co outro proxenitor, incluídos os supostos de garda e custodia compartida entrambos os proxenitores.
No caso de indicar esta clave “D”, deberá consignar tamén o NIF do outro proxenitor.
No caso de que o outro proxenitor carecese de DNI ou NIE, deberá marcar cunha X o recadro habilitado para o efecto.
No impreso de declaración visualizarase a clave numérica 4 na declaración conxunta e a clave numérica 3 na declaración individual do "Cónxuxe".
SUPOSTOS ESPECIAIS EN UNIÓNS DE FEITO
- Unións de feito con fillos comúns
Nestes casos poderá formar unidade familiar calquera dos proxenitores, á súa elección, con todos os seus fillos. Para cubrir a declaración mediante o programa hai que distinguir:
- Declaración da unidade familiar formada por un dos proxenitores cos fillos:
Identificaranse os fillos comúns a ambos os membros da parella coa clave "D". Ademais, deberá consignarse no recadro "Outras situacións" a clave "3" (ou a clave "4" se o fillo está sometido á patria potestade prorrogada).
- Declaración individual do outro proxenitor:
Se a unidade familiar do punto anterior tributa conxuntamente, o outro proxenitor non deberá relacionar os fillos comúns con rendas superiores a 1.800 euros que presenten declaración conxunta co outro membro da parella.
Se a unidade familiar do punto anterior non tributa conxuntamente e os fillos con rendas superiores a 1.800 euros tampouco presentan declaración individual, o outro proxenitor relacionará os fillos consignando no recadro "Vinculación" da súa declaración a clave "D".
- Falecemento dun dos proxenitores.
No suposto de falecemento durante o ano 2014 dun dos proxenitores e sempre que os fillos menores (ou maiores sometidos á patria potestade prorrogada) convivisen con ambos os proxenitores ata a data do seu falecemento, deberá consignarse a clave "D" no recadro “Vinculación" = fillo do "Primeiro declarante" cando o dito fillo tamén convive co outro proxenitor.
- DISCAPACIDADE (grao)
En caso de que, considerando a situación existente o día 31-12-2014, algunha das persoas relacionadas sexa discapacitada e poida acreditar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100, reflectirase o grao de discapacidade recoñecido entre os que se indican a continuación:
1- Discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 % (para o caso de non estar na situación 2).
2- Discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %, se se acredita que se precisa axuda de terceiras persoas ou que se ten mobilidade reducida.
3- Discapacidade en grao igual ou superior ao 65 %
Polos descendentes discapacitados cuxa discapacidade fose declarada xudicialmente deberase indicar como mínimo un grao de discapacidade do 65 por 100, aínda que non alcancen o dito grao.
- OUTRAS SITUACIÓNS
Unicamente se cubrirá o recadro "Outras situacións" cando as persoas relacionadas neste punto se encontren nalgunha das situacións especiais que se indican a continuación:
1. Descendente distinto dos fillos (neto, bisneto etc.) ou persoa vinculada ao contribuínte por razón de tutela ou acollemento.
2. Fillo ou filla maior de idade incapacitado xudicialmente, suxeito á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
3. Fillo ou filla do "Primeiro declarante" cando tamén conviva co outro proxenitor (pai ou nai) sen mediar matrimonio entrambos os proxenitores.
4. Fillo ou filla do contribuínte cando concorran simultaneamente as situacións 2 e 3 anteriores.
- DATA DE ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO PERMANENTE OU PREADOPTIVO
No caso de adopción, ou no suposto de acollemento permanente ou preadoptivo legal, indicarase a data (día, mes e ano) en que tivese lugar a inscrición no Rexistro Civil ou, de non ser necesaria a dita inscrición, a data da correspondente resolución xudicial ou administrativa. No caso de fillos adoptados que previamente estivesen acollidos, indicarase ademais a data que corresponda ao acollemento.
Recorde que, se se trata do suposto de acollemento, debe indicar tamén a clave "1" no recadro correspondente a "Outras situacións".
- DESCENDENTE FALECIDO EN 2014
Se o descendente falecese en 2014, deberá consignar a data de falecemento.