FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS > FORMA DE CUBRIR > G6: EXENCIÓN POR REINVESTIMENTO: TRANSMISIÓN DA VIVENDA HABITUAL
EXENCIÓN POR REINVESTIMENTO EN VIVENDA HABITUAL (art. 38 da lei; art. 41 e 54.4 do regulamento)

 

Poderán gozar de exención as ganancias patrimoniais que se poñan de manifesto na transmisión da vivenda habitual do contribuínte cando o importe total do valor de transmisión se reinvista na adquisición ou rehabilitación dunha nova vivenda habitual, nas condicións que se indican a continuación. Para estes efectos, entenderase que o contribuínte está transmitindo a súa vivenda habitual, cando constitúa a súa vivenda habitual nese momento ou tivese tal consideración ata calquera día dos dous anos anteriores á data de transmisión.

Cando para adquirir a vivenda transmitida o contribuínte utilizase financiamento alleo, considerarase, exclusivamente para estes efectos, como importe total obtido o resultante de minorar o valor de transmisión no principal do préstamo que se encontre pendente de amortizar no momento da transmisión.

Igualmente darán dereito á exención por reinvestimento as cantidades obtidas no alleamento que se destinen a satisfacer o prezo dunha nova vivenda habitual que se adquirise no prazo dos dous anos anteriores a aquela.

 

Prazo para o reinvestimento

O reinvestimento do importe obtido no alleamento deberá efectuarse, dunha soa vez ou sucesivamente, nun período non superior a dous anos.

Entenderase que o reinvestimento se efectúa dentro de prazo cando a venda se efectuase a prazos ou con prezo aprazado, sempre que o importe dos prazos se destine á finalidade indicada dentro do período impositivo en que se vaian percibindo.

Cando, conforme o disposto nos parágrafos anteriores, o reinvestimento non se realice no mesmo ano do alleamento, o contribuínte estará obrigado a facer constar na declaración do imposto do exercicio no que se obteña a ganancia de patrimonio a súa intención de reinvestir nas condicións e prazos sinalados.

 

 

Reinvestimento parcial

No caso de que o importe do reinvestimento fose inferior ao importe total do valor de transmisión, soamente se excluirá de gravame a parte proporcional da ganancia patrimonial que corresponda á cantidade efectivamente investida nas condicións deste artigo.

 

Incumprimento das condicións

O incumprimento de calquera das condicións establecidas neste artigo determinará o sometemento a gravame da parte da ganancia patrimonial correspondente.

En tal caso, o contribuínte imputará a parte da ganancia patrimonial non exenta ao ano da súa obtención, practicando declaración-liquidación complementaria, con inclusión dos xuros de demora, e presentarase no prazo que medie entre a data en que se produza o incumprimento e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se produza o dito incumprimento.