Non terán a consideración de rendementos do traballo en especie:
A) ACCIÓNS DA PROPIA EMPRESA
A entrega aos traballadores en activo, de forma gratuíta ou por prezo inferior ao normal de mercado, de accións ou participacións da propia empresa ou doutras empresas do grupo de sociedades, na parte que non exceda, para o conxunto das entregadas a cada traballador, de 12.000 euros anuais, nas condicións establecidas regulamentariamente.
B) ACTUALIZACIÓN, CAPACITACIÓN OU RECICLAXE
As cantidades destinadas á actualización, capacitación ou reciclaxe do persoal empregado, cando veñan esixidas polo desenvolvemento das súas actividades ou as características dos postos de traballo.
C) COMEDORES DE EMPRESA OU ECONOMATOS DE CARÁCTER SOCIAL
As entregas a empregados de produtos a prezos rebaixados que se realicen en cantinas ou comedores de empresa ou economatos de carácter social. Terán a consideración de entrega de produtos a prezos rebaixados que se realicen en comedores de empresa as fórmulas indirectas de prestación do servizo cuxa contía non supere 9 euros diarios.
D) SERVIZOS SOCIAIS E CULTURAIS
A utilización dos bens destinados aos servizos sociais e culturais do persoal empregado. Terán esta consideración, entre outros, os espazos e locais, debidamente homologados pola Administración pública competente, destinados polas empresas ou empregadores a prestar o servizo de primeiro ciclo de educación infantil aos fillos dos seus traballadores, así como a contratación deste servizo, directa o indirectamente, con terceiros debidamente autorizados.
E) SEGUROS DE ACCIDENTE LABORAL OU RESPONSABILIDADE CIVIL
As primas ou cotas satisfeitas pola empresa como causa de contrato de seguro de accidente laboral ou de responsabilidade civil do traballador.
F) SEGUROS DE ENFERMIDADE
As primas ou cotas satisfeitas a entidades aseguradoras para a cobertura de enfermidade cando se cumpran os seguintes requisitos e límites:
a) Que a cobertura de enfermidade alcance o propio traballador, e que pode tamén alcanzar o seu cónxuxe e descendentes.
b) Que as primas ou cotas satisfeitas non excedan de 500 euros anuais por cada unha das persoas sinaladas. O exceso sobre a dita contía constituirá retribución en especie.
G) SERVIZOS DE ENSINANZA
A prestación do servizo de educación preescolar, infantil, primaria, secundaria obrigatoria,
bacharelato e formación profesional por centros educativos autorizados, aos fillos dos seus empregados, con carácter gratuíto ou por prezo inferior ao normal de mercado.
H) SERVIZO PÚBLICO DE TRANSPORTE COLECTIVO DE VIAXEIROS
As cantidades satisfeitas ás entidades encargadas de prestar o servizo público de transporte colectivo de viaxeiros coa finalidade de favorecer o desprazamento dos empregados entre o seu lugar de residencia e o centro de traballo, co límite de 1.500 euros anuais para cada traballador. Tamén terán tal consideración as fórmulas indirectas de pagamento que cumpran as condicións que se establezan regulamentariamente.
I) PRÉSTAMOS ANTERIORES AO 01-01-1992 (DA SEGUNDA DA LEI)
Os préstamos con tipo de xuro inferior ao legal do diñeiro concertados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1992 e cuxo principal fose posto á disposición do prestameiro tamén con anterioridade á dita data.