ESTIMACIÓN DIRECTA: MODALIDADE NORMAL
A) ACTIVIDADES EMPRESARIAIS CON CARÁCTER MERCANTIL
Os contribuíntes que desenvolvan actividades empresariais que teñan carácter mercantil cuxo rendemento se determine na modalidade normal do réxime de estimación directa estarán obrigados a levar a contabilidade axustada ao disposto no Código de comercio.
B) ACTIVIDADES EMPRESARIAIS SEN CARÁCTER MERCANTIL
Cando a actividade empresarial realizada non teña carácter mercantil, de acordo co Código de comercio, as obrigas contables limitaranse ao mantemento dos seguintes libros de rexistro:
a) Libro de rexistro de vendas e ingresos.
b) Libro de rexistro de compras e gastos.
c) Libro de rexistro de bens de investimento.
O artigo 326.2 e 3 do Código de comercio dispón que non se reputarán mercantís as vendas que fixesen os propietarios e os labradores ou gandeiros dos froitos ou produtos das súas colleitas ou gando, ou das especies en que se lles paguen as rendas, nin as vendas que dos obxectos construídos ou fabricados polos artesáns fixesen estes nos seus talleres.
Polo tanto, cumprindo as condicións expostas, non teñen carácter mercantil as actividades agrícolas, gandeiras, forestais e de artesanía.
C) ACTIVIDADES PROFESIONAIS
Os contribuíntes que exerzan actividades profesionais cuxo rendemento se determine en réxime de estimación directa, en calquera das súas modalidades, estarán obrigados a manter os seguintes libros rexistros:
a) Libro de rexistro de ingresos.
b) Libro de rexistro de gastos.
c) Libro de rexistro de bens de investimento.
d) Libro de rexistro de provisións de fondos e suplidos.