ENTREGA DE ACCIÓNS OU PARTICIPACIÓNS AOS TRABALLADORES (art. 41 do regulamento)
Non terán a consideración de rendementos do traballo en especie a entrega de accións ou participacións aos traballadores en activo nos seguintes supostos:
A entrega de accións ou participacións dunha sociedade aos seus traballadores.
Así mesmo, no caso dos grupos de sociedades nos que concorran as circunstancias previstas no artigo 42 do Código de comercio, a entrega de accións ou participacións dunha sociedade do grupo aos traballadores, contribuíntes por este imposto, das sociedades que formen parte do mesmo subgrupo. Cando se trate de accións ou participacións da sociedade dominante do grupo, a entrega aos traballadores, contribuíntes por este imposto, das sociedades que formen parte do grupo.
Nos dous casos anteriores, a entrega poderá ser efectuada tanto pola propia sociedade á que preste os seus servizos o traballador, como por outra sociedade pertencente ao grupo ou polo ente público, sociedade estatal ou Administración pública titular das accións.
A aplicación do previsto no apartado anterior esixirá o cumprimento dos seguintes REQUISITOS:
a) Que a oferta se realice dentro da política retributiva xeral da empresa ou, se é o caso, do grupo de sociedades e que contribúa á participación dos traballadores na empresa.
b) Que cada un dos traballadores, conxuntamente cos seus cónxuxes ou familiares ata o segundo grao, non teña unha participación, directa ou indirecta, na sociedade na que presta os seus servizos ou en calquera outra do grupo superior ao 5 por 100.
c) Que os títulos se manteñan, polo menos, durante tres anos.
O incumprimento deste prazo motivará a obriga de presentar unha declaración-liquidación complementaria, cos correspondentes xuros de mora, no prazo que medie entre a data en que se incumpra o requisito e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se produza o dito incumprimento.