ELEMENTOS PATRIMONIAIS AFECTOS A UNHA ACTIVIDADE ECONÓMICA (art. 29 da lei; art. 22 do regulamento)

 

Consideraranse elementos patrimoniais afectos a unha actividade económica desenvolvida polo contribuínte, con independencia de que a súa titularidade, en caso de matrimonio, resulte común a ambos os cónxuxes, os seguintes:

-   Os bens inmobles nos que se desenvolva a actividade.

-   Os bens destinados aos servizos económicos e socioculturais do persoal ao servizo da actividade.

-   Calquera outro elemento patrimonial que sexa necesario para a obtención dos respectivos rendementos.

 

NON TERÁN A CONSIDERACIÓN DE ELEMENTOS AFECTOS:

-   Os activos representativos da participación en fondos propios dunha entidade e da cesión de capitais a terceiros.

-   Os activos destinados ao uso particular do titular da actividade, como os de lecer e recreo.

-   Os elementos patrimoniais que se utilicen simultaneamente para actividades económicas e para necesidades privadas, salvo que a utilización para estas últimas sexa accesoria e notoriamente irrelevante.

-   Os elementos patrimoniais que, sendo da titularidade do contribuínte, non figuren na contabilidade ou rexistros oficiais da actividade económica que estea obrigado a levar o contribuínte, salvo proba en contrario.

 

AFECTACIÓN PARCIAL

Cando se trate de elementos patrimoniais que sirvan só parcialmente ao obxecto da actividade, a afectación entenderase limitada a aquela parte destes que realmente se utilice na actividade de que se trate.

Neste sentido, só se considerarán afectadas aquelas partes dos elementos patrimoniais que sexan susceptibles dun aproveitamento separado e independente do resto. En ningún caso serán susceptibles de afectación parcial elementos patrimoniais indivisibles.

 

AFECTACIÓN E DESAFECTACIÓN (art. 26.3 da lei)

A afectación de elementos patrimoniais ou a desafectación de activos fixos polo contribuínte non constituirá alteración patrimonial, sempre que os bens ou dereitos continúen formando parte do seu patrimonio.

Entenderase que non existiu afectación se se levou a cabo o alleamento dos bens ou dereitos antes de transcorridos tres anos desde esta.

•    Valor de afectación (art. 23.1 do regulamento)

A afectación a actividades económicas de bens ou dereitos do patrimonio persoal realizarase polo valor de adquisición que tivesen no dito momento.

 

•    Valor de desafectación (art. 23.2 do regulamento)

Nas desafectacións de bens ou dereitos afectos a actividades económicas ao patrimonio persoal, tomarase o seu valor contable no momento da desafectación, calculado de acordo coas amortizacións que fosen fiscalmente deducibles, e computarase, en todo caso, a amortización mínima.

 

Afectación a unha actividade con anterioridade ao 1-1-1999

Cando o elemento patrimonial que orixina a ganancia ou perda patrimonial fose afectado, con posterioridade á súa adquisición, do patrimonio persoal a unha actividade económica desenvolvida polo contribuínte, e con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1999, tomarase como data de adquisición a que corresponda á afectación.