FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO A1 - A2 - A3 - A4 DEDUCIÓNS XERAIS DA COTA > RÉXIME ESPECIAL DA RESERVA PARA INVESTIMENTOS EN CANARIAS

DOTACIÓNS Á RESERVA PARA INVESTIMENTOS EN CANARIAS (art. 27 da Lei 19/1994, do 6 de xullo, redacción do Real decreto lei 12/2006)

 

Os contribuíntes que realicen actividades económicas e determinen os seus rendementos netos mediante o réxime de estimación directa terán dereito a unha dedución na cota íntegra polos rendementos netos de explotación que se destinen á reserva para investimentos en Canarias, sempre e cando estes proveñan de actividades económicas realizadas mediante establecementos situados en Canarias.

 

 

CONTÍA DA DEDUCIÓN

 

A dedución calcularase aplicando o tipo medio de gravame agregado (estatal e autonómico) ás dotacións anuais á reserva que procedan dos rendementos netos de explotación do exercicio.

 

 

Límite

 

A dedución por dotacións á reserva para investimentos en Canarias non poderá exceder do 80 por 100 da parte de cota íntegra do imposto que proporcionalmente corresponda á contía dos rendementos netos de explotación que proveñan de establecementos situados en Canarias. Este límite é calculado e controlado polo programa.

 

 

REQUISITOS PARA APLICAR A DEDUCIÓN

 

1-   O contribuínte debe determinar o rendemento neto das súas actividades económicas mediante o método de estimación directa.

 

2-   Os rendementos han de proceder de actividades económicas realizadas mediante establecementos situados en Canarias.

 

3-   A reserva para investimentos en Canarias deberá figurar nos balances con absoluta separación e título apropiado, e será indispoñible en canto os bens en que se materializase deban permanecer na empresa.

 

4-   As cantidades destinadas á dita reserva deberán materializarse, no prazo máximo de tres anos contados desde a data de xeración do imposto correspondente ao exercicio en que se dotase esta, nalgún dos investimentos previstos no artigo 27.4 da Lei 19/1994, do 6 de xullo, de modificación do réxime económico e fiscal de Canarias (BOE do 7 de xullo).

 

5-   Cando a reserva para investimentos se materialice en activos fixos, estes deben permanecer en funcionamento na empresa do mesmo contribuínte durante cinco anos como mínimo, sen seren obxecto de transmisión, arrendamento ou cesión a terceiros para o seu uso. Cando a súa vida útil fose inferior ao dito período, non se considerará incumprido este requisito cando se proceda á adquisición doutro elemento patrimonial que reúna os requisitos esixidos e complete o dito período.Cando se materialice en valores, estes deben permanecer no patrimonio do contribuínte durante cinco anos ininterrompidos.

 

6-   Os contribuíntes que se dediquen, a través dunha explotación económica, ao arrendamento ou cesión a terceiros para o seu uso de activos fixos poderán gozar do réxime da reserva para investimentos, sempre que non exista vinculación, directa ou indirecta, cos arrendatarios ou cesionarios dos ditos bens nin se trate de operacións de arrendamento financeiro.

 

A dedución por reserva para investimentos en Canarias é incompatible para os mesmos bens coa dedución por investimentos en actividades económicas.

 

 

INCUMPRIMENTO DOS REQUISITOS

 

A disposición da reserva para investimentos con anterioridade ao prazo de mantemento do investimento ou para investimentos diferentes aos previstos, así como o incumprimento de calquera outro dos requisitos establecidos, dará lugar á perda das deducións practicadas, e o contribuínte estará obrigado a sumar á cota líquida estatal e á cota líquida autonómica ou complementaria xeradas no exercicio en que se incumprisen os requisitos, as cantidades indebidamente deducidas, máis os xuros de mora que correspondan.

 

INVESTIMENTOS ANTICIPADOS DE FUTURAS DOTACIÓNS

 

Os contribuíntes poderán levar a cabo investimentos anticipados de futuras dotacións á reserva para investimentos, sempre que cumpran os restantes requisitos esixidos neste e as citadas dotacións se realicen con cargo a beneficios obtidos no período impositivo, ou nos tres posteriores.

Debe comunicarse a citada materialización e o seu sistema de financiamento conxuntamente coa declaración do IRPF do período impositivo en que se realicen os investimentos anticipados.