DOTACIÓNS DO EXERCICIO A PROVISIÓNS. ED NORMAL

 

 

Como regra xeral, non son deducibles os gastos derivados de obrigas implícitas ou tácitas nin os relativos a retribucións e outras prestacións ao persoal. Non obstante, son deducibles nas condicións establecidas no artigo 13 da Lei do imposto sobre sociedades:

 

-   As contribucións dos promotores de plans de pensións regulados no Real decreto lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de regulación dos plans e fondos de pensións. As ditas contribucións imputaránselle a cada partícipe na parte correspondente. Así mesmo, serán deducibles as contribucións efectuadas polas empresas promotoras previstas na Directiva 2003/41/CE do Parlamento Europeo e do Consello, relativa ás actividades e a supervisión de fondos de pensións de emprego, sempre que se cumpran os requisitos a), b) e c) do guión seguinte, e as continxencias cubertas sexan as previstas no artigo 8.6 do Real decreto lexislativo 1/2002.

 

-   As contribucións para a cobertura de continxencias análogas á dos plans de pensións, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

 

a)   Que sexan imputadas fiscalmente ás persoas ás que se vinculan as prestacións.

 

b)   Que se transmita de forma irrevogable o dereito á percepción das prestacións futuras.

 

c)   Que se transmita a titularidade e a xestión dos recursos en que consistan as ditas contribucións.

 

-   Os gastos correspondentes a actuacións ambientais serán de carácter deducible, de conformidade co disposto no artigo 13.2 da LIS, cando se correspondan cun plan formulado polo suxeito pasivo e aceptado pola Administración tributaria.

 

-   Os gastos derivados de reestruturacións só serán obxecto de dedución cando se refira a obrigas legais ou contractuais e non meramente tácitas.

 

-   Os gastos inherentes aos riscos derivados de garantías de reparación e revisión serán deducibles ata o importe necesario para determinar un saldo da provisión non superior ao resultado de aplicar ás vendas con garantías vivas á conclusión do período impositivo a porcentaxe determinada pola proporción en que se encontrasen os gastos realizados para lles facer fronte ás garantías habidas no período impositivo e nos dous anteriores en relación ás vendas con garantías realizadas nos ditos períodos impositivos.