A. Doazóns a entidades beneficiarias do mecenado con dereito a dedución do 25 por 100 (salvo programas prioritarios): para ter dereito a esta dedución é indispensable poder acreditar a efectividade da doazón realizada mediante unha certificación expedida pola entidade donataria.
Indicarase o importe das doazóns que cumpran os requisitos recollidos na epígrafe “DOAZÓNS ÁS ENTIDADES E INSTITUCIÓNS PREVISTAS NA LEI 49/2002”.
B. Doazóns a outras entidades non incluídas no ámbito da Lei 49/2002: nesta epígrafe recolleranse as cantidades doadas ás entidades que a continuación se sinalan, cando non cumpran as condicións e requisitos para estar comprendidas na epígrafe anterior:
1. Fundacións legalmente recoñecidas que lle rendan contas ao órgano de protectorado correspondente.
2. Asociacións declaradas de utilidade pública.
As cantidades doadas a estas entidades orixinan dereito a unha dedución do 10 por 100, sempre que se dispoña de xustificación documental adecuada.
LÍMITE CONXUNTO DO 10 POR 100 DA BASE LIQUIDABLE (art. 69.1 da lei)
A base conxunta das deducións por donativos nas súas distintas modalidades non poderá superar, con carácter xeral, o 10 por 100 da base liquidable do exercicio.
A pesar do anterior, a base da dedución por donativos, doazóns e achegas destinados á realización e desenvolvemento de actividades e programas prioritarios de mecenado poderá alcanzar o 15 por 100 da base liquidable do exercicio.
Límite: o recadro H debe ser igual ou inferior á cantidade resultante de lle restar ao 10 por 100 da base liquidable o importe consignado, se é o caso, no recadro G.
PARTE ESTATAL E PARTE AUTONÓMICA
Unha vez cubertos os datos destas deducións, o programa distinguirá para ambas a parte estatal (50 por 100) e a parte autonómica (50 por 100).