DISPOSICIÓN DOS DEREITOS CONSOLIDADOS DE PLANS DE PENSIÓNS (art. 8.8 do Real decreto lexislativo 1/2002)
Os partícipes só poderán facer efectivos os seus dereitos consolidados nos supostos de desemprego de longa duración ou de enfermidade grave. Regulamentariamente determinaranse estas situacións, así como as condicións e termos en que se poderán facer efectivos os dereitos consolidados en tales supostos. En todo caso, as cantidades percibidas nestas situacións suxeitaranse ao réxime fiscal establecido pola lei para as prestacións dos plans de pensións.
Os dereitos consolidados nos plans de pensións do sistema asociado e individual poderán mobilizarse a outro plan ou plans de pensións por decisión unilateral do partícipe ou por perda da condición de asociado do promotor nun plan de pensións do sistema asociado ou por terminación do plan.
Os dereitos económicos dos beneficiarios nos plans de pensións do sistema individual e asociado tamén se poderán mobilizar a outros plans de pensións por pedimento do beneficiario, sempre e cando as condicións de garantía e aseguramento da prestación así o permitan e nas condicións previstas nas especificacións dos plans de pensións correspondentes. Esta mobilización non modificará a modalidade e condicións de cobramento das prestacións.
Non obstante, os dereitos consolidados dos partícipes nos plans de pensións do sistema de emprego non se poderán mobilizar a outros plans de pensións, salvo no suposto de extinción da relación laboral e nas condicións que regulamentariamente se establezan, e só se estivese previsto nas especificacións do plan, ou por terminación do plan de pensións. Os dereitos económicos dos beneficiarios nos plans de emprego non se poderán mobilizar, salvo por terminación do plan de pensións.
Os dereitos consolidados do partícipe nun plan de pensións non poderán ser obxecto de embargo, traba xudicial ou administrativa ata o momento en que se cause o dereito á prestación ou en que se fagan efectivos nos supostos de enfermidade grave ou desemprego de longa duración.