FORMA DE CUBRIR IRPF (II) > GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS > FORMA DE CUBRIR > G3: GANANCIAS E PERDAS PATRIMONIAIS DERIVADAS DA TRANSMISIÓN DE ELEMENTOS PATRIMONIAIS ADQUIRIDOS CON MÁIS DUN ANO DE ANTELACIÓN Á DATA DE TRANSMISIÓN PARA INTEGRAR NA BASE IMPOÑIBLE DO AFORRO
DERIVADAS DE TRANSMISIÓNS OU REEMBOLSOS DE ACCIÓNS OU PARTICIPACIÓNS NEGOCIADAS EN MERCADOS

 

OFICIAIS EXCEPTO DAS DERIVADAS DA TRANSMISIÓN DE VALORES POR OPERACIÓNS DE RECOMPRA E SUBSCRICIÓN OU CAMBIO DE VALORES DE DÉBEDA SUBORDINADA OU DE PARTICIPACIÓNS  PREFERENTES

 

Declararanse nesta epígrafe as ganancias e perdas patrimoniais obtidas polo contribuínte como consecuencia da transmisión ou o reembolso de accións e participacións en institucións de investimento colectivo (sociedades e fondos de investimento mobiliario e inmobiliario) cando estean suxeitas a retención.

 

Non se incluirán nesta epígrafe:

 

-   As ganancias e perdas patrimoniais non suxeitas a retención derivadas do reembolso ou transmisión de participacións ou accións nos fondos e sociedades (fondos de investimento cotizados ou SICAV índice cotizadas) a que se refire o artigo 49 do regulamento da Lei 35/2003, do 4 de novembro, de institucións de investimento colectivo, non se declararán nesta epígrafe senón na epígrafe “Ganancias e perdas patrimoniais derivadas de accións admitidas a negociación en mercados oficiais”.

 

-   As ganancias e perdas patrimoniais derivadas da transmisión de accións de sociedades de investimento colectivo admitidas a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores españois ou en calquera outro dos definidos na Directiva 2004/39/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, non se declararán nesta epígrafe senón na epígrafe "Ganancias e perdas patrimoniais derivadas de accións admitidas a negociación en mercados oficiais".

 

NIF DA SOCIEDADE OU FONDO DE INVESTIMENTO

Consignarase o NIF da sociedade de investimento cuxas accións se transmitiron ou do fondo de investimento cuxas participacións se transmitiron ou reembolsaron.

 

RESULTADOS (ganancias e perdas) OBTIDOS

Nestes apartados deberanse consignar as cantidades obtidas como ganancia patrimonial, separadamente das perdas patrimoniais.

Normalmente, o importe da ganancia ou perda figurará no certificado de retencións facilitado pola entidade xestora ou pola persoa ou entidade obrigada a reter.

 

-      Retencións

Consignaranse as retencións practicadas ou ingresos á conta efectuados polas ganancias patrimoniais derivadas da transmisión ou reembolso de accións ou participacións das sociedades ou fondos de investimento, cantidades que o programa trasladará ao recadro 597 da páxina 16 da declaración.

 

OPERACIÓNS DE RECOMPRA DE VALORES HOMOXÉNEOS

 

Se a transmisión ou reembolso de accións ou participacións en sociedades ou fondos de investimento que non estean admitidos a negociación orixina unha perda e, ademais, se adquiriron valores homoxéneos nos prazos e condicións previstos no artigo 33.5, alínea g), da Lei do imposto, a perda patrimonial non se deberá computar ata que se produza a posterior transmisión definitiva dos valores homoxéneos readquiridos. Non obstante, a perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio no que se xerase aínda que non se integre para os efectos liquidatorios. A declaración e cuantificación desta perda non se realizará nesta epígrafe senón na epígrafe "Ganancias e perdas patrimoniais derivadas da transmisión doutros elementos patrimoniais".