DEDUCIÓN POR RENDAS OBTIDAS EN CEUTA OU MELILLA (art. 68.4 da lei)

 

A dedución por rendas obtidas en Ceuta ou Melilla pode aplicarse nos seguintes supostos:

 

CONTRIBUÍNTES RESIDENTES EN CEUTA OU MELILLA

 

a)   Por rendas obtidas en Ceuta ou Melilla

 

Os contribuíntes que teñan a súa residencia habitual en Ceuta ou Melilla poden aplicar esta dedución polas rendas obtidas en Ceuta e Melilla.

 

A dedución consiste no 50 por 100 da parte da suma das cotas íntegras estatal e autonómica ou complementaria que proporcionalmente corresponda ás rendas computadas para a determinación das bases liquidables que fosen obtidas nos ditos territorios.

 

b)   Por rendas obtidas fóra de Ceuta ou Melilla

 

Tamén poderán aplicar esta dedución os contribuíntes que teñan a súa residencia habitual en Ceuta ou Melilla polas rendas obtidas fóra das ditas cidades, cando cumpran os seguintes REQUISITOS:

 

•    Que o 31 de decembro de 2014 mantivesen a súa residencia habitual en Ceuta ou Melilla durante un prazo non inferior a tres anos.

 

•    Que, polo menos, unha terceira parte do patrimonio neto do contribuínte, determinado conforme a normativa reguladora do imposto sobre o patrimonio, estea situado nas ditas cidades.

 

Límite

 

A contía máxima das rendas, obtidas fóra dos ditos territorios, que poden gozar da dedución será o importe neto dos rendementos e ganancias e perdas patrimoniais obtidos nas ditas cidades.

 

 

CONTRIBUÍNTES NON RESIDENTES EN CEUTA OU MELILLA

 

Os contribuíntes que non teñan a súa residencia habitual en Ceuta ou Melilla poderán aplicar esta dedución polas rendas obtidas en Ceuta e Melilla.

 

A dedución consiste no 50 por 100 da parte da suma das cotas íntegras estatal e autonómica ou complementaria que proporcionalmente corresponda ás rendas computadas para a determinación das bases liquidables positivas que fosen obtidas en Ceuta ou Melilla.

 

En ningún caso poderán aplicar esta dedución ás rendas seguintes:

 

•    Ás procedentes de institucións de investimento colectivo, salvo cando a totalidade dos seus activos estea investida en Ceuta ou Melilla.

 

•    Aos rendementos do traballo.

 

•    Ás ganancias patrimoniais que procedan de bens mobles.

 

•    Aos rendementos procedentes de depósitos ou contas en toda clase de institucións financeiras.

 

 

ATENCIÓN: en ningún caso o importe desta dedución poderá superar o 50 por 100 da cota íntegra total do imposto e o programa desagregará a parte estatal e autonómica que corresponda.