FORMA DE CUBRIR IRPF. ANEXO A1 - A2 - A3 - A4 DEDUCIÓNS XERAIS DA COTA

DEDUCIÓN POR OBRAS DE MELLORA EN VIVENDA: CANTIDADES PENDENTES DE DEDUCIÓN

 

Desde o 14 de abril de 2010 ata o 31 de decembro de 2012 existiron, en función do momento en que se realizaron as obras, dous réximes da dedución por obras de mellora:

 

1- A dedución por obras de mellora na vivenda habitual que podían aplicar os contribuíntes cuxa base impoñible fose inferior a 53.007,20 euros anuais polas obras realizadas desde o 14 de abril de 2010 ata o 6 de maio de 2011.

 

2- A dedución por obras de mellora en calquera vivenda que podían aplicar os contribuíntes cuxa base impoñible fose inferior a 71.007,20 euros anuais polas obras realizadas desde o 7 de maio de 2011 ata o 31 de decembro de 2012.

 

A orde de aplicación da dedución por obras de mellora, nas súas dúas modalidades na declaración do exercicio 2014, será a seguinte:

 

Primeiro: dedución por obras de mellora en vivenda

 

1- En primeiro lugar, as cantidades satisfeitas desde o 7 de maio ao 31 de decembro de 2011pendentes de dedución. Porcentaxe de dedución: 20 por 100.

 

2- Cantidades satisfeitas no exercicio 2012 pendentes de dedución. Porcentaxe de dedución: 20 por 100.

 

Os remanentes que puideron quedar de exercicios anteriores só se poderán aplicar no exercicio 2014 se a base impoñible deste exercicio fose inferior a 71.007,20 euros.

 

Segundo: dedución por obras de mellora en vivenda habitual

 

1- Cantidades satisfeitas desde o 14 de abril ao 31 de decembro de 2010 pendentes de dedución. Porcentaxe de dedución: 10 por 100.

 

2- Cantidades satisfeitas desde o 1 de xaneiro ao 6 de maio de 2011 pendentes de dedución. Porcentaxe de dedución: 10 por 100.

 

Os remanentes que puideron quedar de exercicios anteriores só se poderán aplicar no exercicio 2014 se a base impoñible deste exercicio fose inferior a 53.007,20 euros.

 

 

 

Límite conxunto: se no exercicio 2014 se ten dereito á aplicación de ambos os  réximes de dedución por obras de mellora, a base máxima anual por declaración non poderá exceder de 71.007,20 euros.

 

Forma de cubrir:

 

É moi conveniente que para cubrir todos os datos que se lle piden, teña presente as declaracións presentadas dos anteriores exercicios 2010, 2011, 2012 e 2013.

 

No anexo A2 abrirase unha ventá na que deberá indicar as cantidades pendentes:

 

1. Cantidades satisfeitas desde o 7 de maio ao 31 de decembro do exercicio 2011 pendentes de dedución por exceder da base máxima de dedución nos exercicios 2011, e que tampouco se aplicou no exercicio 2012.

 

2. Cantidades satisfeitas durante o exercicio 2012, pendentes de dedución por exceder da base máxima de dedución.

 

Unha vez cubertos os recadros relativos á dedución por obras de mellora en vivendas, pasaremos a consignar, se as houbese, as cantidades pendentes por dedución por obras de mellora en vivenda habitual.

 

Teremos que desagregar as cantidades pendentes de dedución satisfeitas no exercicio 2010 das cantidades pendentes satisfeitas no exercicio 2011 ata o 7 de maio.

 

NOTA: o importe que debe computar cada propietario da vivenda non pode exceder do resultado de multiplicar 20.000 euros pola proporción que represente a porcentaxe de participación do contribuínte na propiedade da vivenda con respecto ao de todos os contribuíntes con dereito a aplicar a dedución sobre ela.

 

 

Para os efectos do cálculo do límite máximo da dedución para unha mesma vivenda, deberanse cubrir os datos seguintes se existise máis dun propietario da vivenda habitual con dereito a dedución:

 

a)   Suma das cantidades satisfeitas desde o 7 de maio de 2011 ata o 31 de decembro de 2012 por todos os propietarios  da vivenda con dereito a  dedución por obras de mellora en vivendas. Só se computarán as cantidades satisfeitas por aqueles propietarios que teñan dereito a aplicar a dedución sobre elas por non superar a súa base impoñible a contía de 71.007,20 euros.

b)   Suma das bases das deducións aplicadas en 2010, 2011 e 2012 por todos os propietarios da vivenda polas cantidades satisfeitas antes do 7 de maio de 2011.

c)   Suma das cantidades satisfeitas en 2010 pendentes de dedución correspondentes a todos os propietarios da vivenda con dereito a ela. No caso xeral de que a dedución se aplicase por unha soa vivenda, reflectirase a diferenza entre as seguintes magnitudes:

 

1- Suma dos importes reflectidos por todos os propietarios da vivenda no recadro 532 da declaración do 2010 se a tributación foi individual. Se a tributación foi conxunta e ambos os cónxuxes teñen dereito á dedución, o importe reflectido nese recadro é común para ambos, polo que só debe computarse unha vez.

2- Suma das cantidades reflectidas por todos os propietarios da vivenda no recadro N do anexo A2 das declaracións dos exercicios 2011 e 2012. Se a tributación foi conxunta e ambos os cónxuxes teñen dereito á dedución, o importe reflectido nese recadro é común para ambos, polo que só debe computarse unha vez.

 

d)   Suma das cantidades satisfeitas en 2011, antes do 7 de maio, pendentes de dedución, correspondentes a todos os propietarios da vivenda con dereito a ela.