Os contribuíntes poderán deducir o 20 por 100 das cantidades satisfeitas no período pola subscrición de accións ou participacións en empresas de nova ou recente creación, e poderán, ademais da contribución temporal ao capital, achegar os seus coñecementos empresariais ou profesionais adecuados para o desenvolvemento da entidade en que invisten nos termos que estableza o acordo de investimento entre o contribuínte e a entidade.
IMPORTANTE: a dedución soamente resultará de aplicación respecto das accións ou participacións subscritas a partir do 29 de setembro de 2013 (data de entrada en vigor da Lei 14/2013).
A base máxima de dedución será de 50.000 euros anuais e estará formada polo valor de adquisición das accións ou participacións subscritas.
Non formarán parte da dedución:
a) O importe das accións ou participacións adquiridas co saldo da conta aforro-empresa, na medida en que o dito saldo fose obxecto de dedución.
b) Cantidades satisfeitas pola subscrición de accións ou participacións, cando se practique algunha das deducións establecidas pola súa respectiva comunidade autónoma no exercicio das súas competencias no IRPF.
Requisitos da entidade:
a) A entidade debe revestir a forma de sociedade anónima, sociedade de responsabilidade limitada, sociedade anónima laboral ou sociedade de responsabilidade limitada laboral, e non estar admitida a negociación en ningún mercado organizado. Este requisito deberá cumprirse durante todos os anos de posesión da acción ou participación.
b) Deberá exercer unha actividade económica que conte cos medios persoais e materiais para o seu desenvolvemento. En particular, non poderá ter por actividade a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, en ningún dos períodos impositivos da entidade concluídos con anterioridade á transmisión da participación.
c) O importe da cifra dos fondos propios da entidade non poderá ser superior a 400.000 euros no inicio do período impositivo desta en que o contribuinte adquira as accións ou participacións.
Cando a entidade forme parte dun grupo de sociedades, con independencia da residencia e da obriga de formular contas anuais consolidadas, o importe dos fondos propios referirase ao conxunto de entidades pertencentes ao dito grupo.
Condicións para poder practicar a dedución:
a) As accións ou participacións na entidade deberá adquirilas o contribuínte ben no momento da constitución daquela ou mediante ampliación de capital efectuada nos tres anos seguintes á dita constitución e permanecer no seu patrimonio por un prazo superior a tres anos e inferior a doce anos.
b) A participación directa ou indirecta do contribuínte, xunto coa que posúan na mesma entidade o seu cónxuxe ou calquera persoa unida ao contribuinte por parentesco, en liña recta ou colateral, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, non pode ser, durante ningún día dos anos naturais de posesión da participación, superior ao 40 por 100 do capital social da entidade ou dos seus dereitos de voto.
c) Que non se trate de accións ou participacións nunha entidade a través da cal se exerza a mesma actividade que se viña exercendo anteriormente mediante outra titularidade.
Cando o contribuínte transmita accións ou participacións e opte pola aplicación da exención prevista no apartado 2 do art. 38 da lei, unicamente formará parte da base da dedución correspondente ás novas accións ou participacións subscritas a parte do investimento que exceda do importe total obtido na transmisión daquelas. En ningún caso se poderá practicar dedución polas novas accións ou participacións mentres as cantidades investidas non superen a citada contía.
Para a práctica da dedución será necesario obter unha certificación expedida pola entidade na que se indique que a entidade cumpre os requisitos sinalados anteriormente para a entidade no período impositivo en que se adquiran as accións ou participacións.
Forma de cubrir:
Na ventá de captura de datos deberá reflectirse, ata para dúas entidades:
1- O importe total do investimento en accións ou participacións co límite de 50.000 euros.
2- O NIF da entidade.