DECLARACIÓNS COMPLEMENTARIAS SEN SANCIÓN, NIN XUROS, NIN RECARGA NINGUNHA

 

-   Percepción de atrasos de rendementos do traballo (art. 14.2.b) da lei)

Cando por circunstancias xustificadas non imputables ao contribuínte, os rendementos derivados do traballo se perciban en períodos impositivos distintos a aqueles nos que foron esixibles, imputaranse a estes, practicándose, se é o caso, declaración-liquidación complementaria, sen sanción, nin xuros de mora, nin recarga ningunha.

Cando non se satisfixese a totalidade ou parte dunha renda, por encontrarse pendente de resolución xudicial a determinación do dereito á súa percepción ou á súa contía, os rendementos consideraranse esixibles no período impositivo en que a resolución xudicial adquira firmeza.

A declaración presentarase no prazo que media entre a data na que se perciban e o final do inmediato seguinte prazo de declaracións polo imposto.

 

-   Perda da condición de contribuínte por cambio de residencia (art. 63 do regulamento)

No suposto de perda da condición de contribuínte por cambio de residencia a que se refire o artigo 14.3 da Lei do imposto, todas as rendas pendentes de imputación deberán integrarse na base impoñible correspondente ao último período que deba declararse por este imposto, practicándose, se é o caso, declaración-liquidación complementaria, sen sanción, nin xuros de mora, nin recarga ningunha, no prazo de tres meses desde que o contribuínte perda a súa condición por cambio de residencia.

 

Non obstante, cando o traslado de residencia se produza a outro Estado membro da Unión Europea, o contribuínte poderá optar por imputar as rendas pendentes conforme o disposto no  parágrafo anterior ou por presentar, a medida en que se vaian obtendo cada unha das rendas pendentes de imputación, unha autoliquidación complementaria sen sanción, nin xuros de mora, nin recarga ningunha, correspondente ao último período que deba declararse por este imposto. A autoliquidación presentarase no prazo de declaración do período impositivo no que correspondese imputar as ditas rendas en caso de non se producir a perda da condición de contribuínte.

No apartado "Declaración complementaria" da páxina 2 da declaración está incluído o recadro 124 que deberá marcar cunha X se a declaración complementaria está motivada polo traslado de residencia a outro Estado membro da Unión Europea e o contribuínte opta por imputar as rendas pendentes a medida que se obteñan.